Os gandeiros inscritos xa poden solicitar as axudas aos gastos de marcaxe 

Os novos gandeiros e agricultores incorporados ás IXP e DOP galegas poden presentar a solicitude de axudas que outorga a Consellería do Medio Rural. Como xa sucedera no 2020, son os propios produtores, tanto as persoas físicas como as xurídicas, os que deben realizar esta solicitude; a diferencia de anos anteriores cando o propio Consello Regulador realizaba os trámites necesarios para cada inscrito.

A solicitude debe presentarse de forma electrónica neste enlace da sede online da Xunta, onde se especifica a documentación necesaria a aportar. O prazo remata o vindeiro 18 de maio e comprende como período subvencionable dende o 1 de maio do 2020 ata o 30 de abril deste ano. Coma en anteriores convocatorias, só se admitirán as solicitudes que superen os 50 €

As condicións

Poden beneficiarse desta achega os titulares de explotacións que se incorporaran a unha IXP ou DOP despois do 18 de novembro de 2015 e que estean en activo. Con estas achegas cóbrese o 100% dos gastos subvencionables, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, durante un período máximo de 5 anos.

A través da AGACAL, a Consellería do Medio Rural publicaba no DOG esta convocatoria de axudas, dotadas con 200.000 euros. 

Para calquera dúbida, os gandeiros inscritos en Ternera Gallega ou en Vaca Galega / Boi Galego poden poñerse en contacto co Consello Regulador nos teléfonos habituais: 981 575786 e 981 574899 ou enviando un correo electrónico a: admin11@vacundegalicia.com