O Consello Regulador conmemora o Día da Muller desde as súas redes sociais

As IXP Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego celebran o 8M nas redes sociais achegándonos ás gandeiras que forman parte de ambos selos, que suman máis de 3.600 inscritas. Mulleres titulares de explotacións, que traballan cada día para ofrecer aos consumidores unha carne de calidade garantida e que, coa súa actividade, manteñen vivo o medio rural galego.

En representación de todas elas, Montse Fernández é unha das protagonistas do novo spot de Ternera Gallega, dentro da campaña promocional estreada recentemente Achégate a todo o bo de Galicia. Ademais de pertencer a Ternera Gallega dende hai anos, Montse uniuse á IXP Vaca Galega / Boi Galego no 2018, dedicándose tamén ao vacún maior. Na súa explotación de San Sadurniño, na Coruña, cría uns cincuenta animais. 

Xornada de reivindicacións

Neste Día da Muller, con motivo da pandemia, o lema é “Mulleres líderes: por un futuro igualitario no mundo da covid-19”, que busca destacar os esforzos das mulleres para lograr un futuro máis igualitario e recuperarse da crise provocada polo coronavirus.

Desde Fademur Galicia (Federación de Asociacións de Mulleres Rurais), apostan por ferramentas que favorezan a posición económica, laboral e social das mulleres no ámbito rural, facilitando a súa incorporación ao mercado de traballo e promovendo a actividade emprendedora.