Ternera Gallega apoia a Arzúa-Ulloa, Tetilla, Mexillón de Galicia e Castaña de Galicia fronte ao Nutriscore

O Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia (Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego) únese aos de Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla, Mexillón de Galicia e Castaña de Galicia nas súas reivindicacións sobre o sistema de etiquetaxe de alimentos Nutriscore. As cinco IXP e DOP reclaman ao Goberno central que paralice a súa implantación ata que se solucionen a súas deficiencias.

Fronte a este novo etiquetado, que xa amosou as súas carencias e despertou críticas tanto do sector agroalimentario como dos profesionais da nutrición, os Consellos Reguladores poñen en valor a calidade, a tradición e a orixe garantida dos produtos amparados polas IXP e DOP. Cualidades acreditadas, que converten aos alimentos certificados por estes selos europeos en parte fundamental dunha dieta sa, variada e equilibrada

Mentres que Nutriscore funciona en base a un algoritmo aplicable a outro tipo de produtos elaborados, os distintivos de calidade identifican os alimentos que teñen unhas propiedades intrínsecas e que sintetizan a nosa nutrición tradicional, sendo referentes da Dieta Atlántica. Ademais, as IXP e DOP velan por unha remuneración xusta para os seus produtores. E cada vez son máis os consumidores que coñecen estas características e que apostan polos distintivos europeos de calidade. Como reflicte o informe “Hábitos de alimentación 2019” da Unión de Consumidores de Galicia, a demanda de alimentos amparados por unha IXP ou por unha DOP creceu case un 13 %.

Ao igual que expresou a asociación Origen España, estes cinco Consellos Reguladores galegos consideran que Nutriscore non transmite ao consumidor información clara sobre as propiedades nutricionais dos alimentos e pode inducir a erros interpretativos. Por iso, demandan que se suspenda a súa posta en marcha ata que se arranxen estes problemas, lembrando que este etiquetado é un máis entre outros sistemas xa existentes.