Continúa a campaña de promoción de Ternera Gallega cun novo sorteo en máis de 1200 puntos de venda

Ata o vindeiro 5 de abril, os consumidores de Ternera Gallega poden participar nun novo sorteo de 40 lotes de alimentos galegos con selos IXP e DOP. Nesta ocasión, admítense os tíckets de compra da carne certificada correspondentes á segunda quincena do mes de marzo. Esta acción promocional, que se desenvolve nos puntos de venda de Ternera Gallega de toda España, tanto nas carnicerías tradicionais como nos establecementos da gran distribución, enmárcase dentro da nova liña creativa da Indicación Xeográfica Protexida.

Coma no primeiro sorteo, poden participar todas aquelas persoas que compraran Ternera Gallega e que conserven o seu tícket como xustificante. Para inscribirse, teñen dúas vías: acceder directamente á web www.acercateatg.com ou escanear o código QR impreso na cartelaría distribuída nos puntos de venda, que os dirixirá a dita web para cubrir un sinxelo formulario.

Nestes momentos, a IXP está contactando cos posibles gañadores do primeiro sorteo, celebrado o pasado 16 de marzo, e comprobando os seus xustificantes de compra. Como indican as bases da promoción, teñen 15 días para enviar esta información e, no caso de ser necesario, contactaríase cos suplentes. Cos gañadores definitivos confirmados, publicaranse os seus nomes na web do sorteo e enviaránselles os primeiros 40 premios.

A promoción continuará ata o 15 de maio, realizando en total 5 sorteos, un cada quincena, e repartindo 200 lotes compostos por unha vintena de produtos galegos con denominación de calidade, ademais de 4 bandexas de carne certificada.

Esta campaña está presente en máis de 1200 puntos de venda, mediante diversos materiais publicitarios: carteis, displays, promostoppers e adhesivos, para captar a atención do consumidor xusto no momento da compra. Tamén se promociona en diferentes medios de comunicación e no entorno dixital.