A IXP Ternera Gallega pechou 2020 crecendo no campo e no mercado, nun contexto negativo para o sector

  • Incrementou tanto o número de tenreiros rexistrados como o de canais certificados e o volume de carne comercializada
  • A nivel global, a situación provocada pola pandemia afectou negativamente aos prezos no campo e provocou perdas económicas no sector

 

No contexto da pandemia pola Covid-19, no 2020 as cifras de actividade de Ternera Gallega foron positivas. A Denominación pechou o exercicio crecendo no campo e no mercado, como constatan tanto a cifra de explotacións activas e o número de tenreiros identificados, como tamén o número de canais certificadas e o volume de carne que se comercializou baixo o amparo de Ternera Gallega. Datos que presentou aos medios o presidente do Consello Regulador, Jesús González, coa presencia do director da AGACAL, José Luís Cabarcos.

No caso da IXP Vaca Galega/Boi Galego, produciuse un estancamento da súa actividade, que se debe contextualizar no marco da situación vivida, xa que a carne de vacún maior resultou moi afectada polo peche da restauración e a hostalaría. 

No que respecta á situación económica do sector de vacún de carne, o ano 2020 foi difícil para todos, xa que no campo os prezos dos tenreiros baixaron e non chegaron a recuperarse, e nas industrias a posta en marcha de medidas preventivas e sanitarias provocou gastos que repercutiron negativamente nas súas marxes comerciais.

“Aínda que as cifras de actividade no marco da IXP Ternera Gallega foron positivas, non o foi así a situación sectorial, xa que os prezos percibidos polos gandeiros baixaron significativamente e a actividade nas industrias cárnicas e a comercialización tamén se viron afectadas pola pandemia. Dentro desta situación complexa e difícil para todos, o sector de vacún de carne e Ternera Gallega mantiveron en todo momento a súa actividade e garantiron o abastecemento alimentario da sociedade”, afirma o presidente do Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia, Jesús González, quen explica que “o 2020 foi un ano especialmente difícil no caso da carne de vacún maior, tanto de vaca como de boi, xa que o seu principal canal comercial é o da restauración e hostalaría. O seu peche unhas veces e o funcionamento a medias outras limitaron a comercialización, sobre todo das pezas nobres e das mellores canais”.

Ternera Gallega en cifras

O número de explotacións gandeiras inscritas e activas creceu ata 8.354 (56 máis que no ano anterior) e a cifra de tenreiros identificados acadou as 138.230 cabezas. Houbo, polo tanto, un crecemento no campo superior ao 2 % (2.967 tenreiros máis), que se pode considerar bastante significativo e probatorio da transcendencia do sector de vacún de carne no medio rural galego, tanto a nivel social e económico como tamén medioambiental e no mantemento da poboación e do territorio. 

En canto ao número de canais certificadas, a cifra foi de 99.238; mentres que o volume de carne comercializada baixo o amparo da IXP subiu ata 22.562 toneladas. En consecuencia, houbo un crecemento substancial de Ternera Gallega no mercado, por encima do 6 % (1.327.000 quilos máis). Estes datos demostran a importancia da IXP e o seu esforzo promocional para darlle saída no mercado á carne de calidade producida en Galicia e tamén a aposta da distribución e dos consumidores polos alimentos frescos e con prestixio recoñecido para o seu consumo nos fogares. Con respecto ao valor económico en primeira venda da carne comercializada, foi de 126 millóns de euros. 

No tocante ao sector industrial, están inscritas na IXP 96 empresas, manténdose constante o número de matadoiros e o de salas de despece e comerciais cárnicas. En canto ao número de establecementos con imaxe corporativa de Ternera Gallega, a cifra creceu ata 1.541, (125 máis que no 2019), froito do esforzo da IXP para mellorar a súa penetración na gran distribución, cadeas de supermercados e carnicerías tradicionais, sobre todo para mitigar os efectos do peche da restauración. Ternera Gallega mantívose como a Denominación de referencia no sector da carne de vacún en España pola súa calidade e prestixio, onde significa arredor do 56 % da carne comercializada con IXP. 

No que respecta á evolución dos prezos en orixe, hai que resaltar que baixaron significativamente, con minguas que oscilaron ao redor de 0,30 - 0,50 € / kg canal nos meses de abril, maio e xuño, poñendo a moitas explotacións en perigo de subsistencia. A partir do mes de xullo houbo unha certa melloría, pero non chegaron a recuperarse na súa totalidade os prezos en orixe aos niveis que había antes da pandemia. 

Vaca Galega / Boi Galego en cifras

Nos rexistros do Consello Regulador hai inscritas 1.014 explotacións (89 máis) e 32 industrias. A conxuntura derivada da crise sanitaria fixo que se ralentizara a actividade e só se identificaron 2.071 animais (1.820 vacas e 251 bois); e tamén que se estancara a comercialización, con 443 canais certificadas, que sumaron 186 toneladas de carne amparada pola IXP. Estas cifras é necesario reactivalas, como declara o presidente do Consello Regulador. “Unha vez que se supere a pandemia é fundamental a aposta dos gandeiros e industrias para xerar riqueza para o sector e para evitar, co apoio do Consello Regulador, a picaresca comercial e o mal uso no mercado e na restauración do nome de Galicia; unha defensa na que tamén se debe involucrar a Administración autonómica”.

Durante o pasado exercicio, o Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia continuou facendo un esforzo significativo en canto a control. No caso da IXP Ternera Gallega, fixéronse 21.777 inspeccións, tomáronse 2.503 mostras e realizáronse 3.073 análises e 1.654 probas de ADN. Por outra banda, na IXP Vaca Galega/Boi Galego fixéronse 569 inspeccións e 10 probas de ADN.

Retos e proxectos para o 2021

Ademais da Certificación de Benestar Animal Ternera Gallega, o Consello Regulador vai insistir na importancia da planificación dos partos nas explotacións inscritas na IXP; no reforzo da imaxe de Ternera Gallega asociada a unha produción de calidade, comprometida coa sostibilidade económica, social e medioambiental; no esforzo promocional para xerar demanda e mellorar os prezos en orixe; no Plan de Internacionalización, sobre todo en Alemaña; na realización dun estudo de mercado de Ternera Gallega que permita detectar novas oportunidades de negocio; e na necesidade de elaborar o Plan Estratéxico para o sector de vacún de carne de calidade en Galicia. No caso da IXP Vaca Galega/Boi Galego, hai que rematar o seu proceso de inscrición no rexistro comunitario e potenciar a súa posta en marcha e comercialización.