A campaña de Ternera Gallega “Achégate a todo o bo de Galicia” segue en marcha co seu terceiro sorteo

O próximo venres 16 de abril realizarase un novo sorteo de 40 lotes de produtos galegos con IXP e DOP, dentro da campaña promocional que Ternera Gallega vén desenvolvendo dende principios de marzo. Nesta nova oportunidade, admítense os comprobantes de compra de carne certificada correspondentes á primeira quincena deste mes. 

Como en anteriores ocasións, poden participar as persoas que compraran Ternera Gallega e que conserven o seu tícket como xustificante. Para inscribirse no sorteo, dispoñen de dúas vías: acceder directamente á web www.acercateatg.com ou escanear o código QR impreso na cartelaría distribuída nos puntos de venda, que os dirixirá a dita web para cubrir un sinxelo formulario.

A IXP está contactando cos posibles gañadores do segundo sorteo e cos suplentes do primeiro. Tras comprobar a documentación que deben aportar, os premios comezarán a enviarse desde a vindeira semana. 

Esta acción, que se desenvolve en máis de 1200 puntos de venda de toda España, enmárcase dentro da nova liña promocional “Achégate a todo o bo de Galicia” e apóiase no material publicitario presente nos establecementos de compra e na súa promoción en medios de comunicación e no ámbito online. Rematará o 15 de maio, realizando en total 5 sorteos, un por cada quincena, e repartindo 200 lotes compostos por unha vintena de produtos galegos con denominación de calidade xunto con 4 bandexas de Ternera Gallega.