Novo obradoiro formativo sobre o vacún galego de calidade en Vigo Capacita 

O Consello Regulador mantén o seu programa de formación e de Responsabilidade Social Corporativa e, como fixo en anos anteriores, colaborou este venres co taller de emprego Vigo Capacita VI, no que impartiu un seminario teórico-práctico sobre Ternera Gallega. Neste obradoiro, fórmanse 20 alumnos para obter o certificado de profesionalidade na especialidade de Cociña ou de Servizos de Restaurante. 

Na parte teórica, o director de Promoción, Luís Vázquez, expuxo as cualidades diferenciais de Ternera Gallega e o labor do Consello Regulador. Explicou as razas admitidas na IXP, ademais da alimentación que reciben os tenreiros e os métodos tradicionais de crianza que seguen os máis de 8.300 gandeiros e gandeiras inscritos. Tamén detallou o sistema de control e trazabilidade da carne amparada; un punto no que subliñou especialmente a importancia do etiquetado para recoñecer e diferenciar Ternera Gallega. 

Pasando á práctica, os alumnos traballaron directamente coa carne certificada para coñecer as diferentes pezas e a variedade dos seus usos gastronómicos. Eles mesmos aplicaron as técnicas de corte máis axeitadas e cociñaron a carne para aprender as mellores formas de preparala.

O taller Vigo Capacita, promovido polo Concello da cidade olívica, diríxese a persoas desempregadas co obxectivo de que melloren as súas oportunidades de acceso ao mercado laboral.