O 18 de maio remata o prazo para solicitar as axudas aos gastos de marcaxe 

Os novos gandeiros e gandeiras inscritos en Ternera Gallega ou en Vaca Galega / Boi Galego teñen ata o vindeiro 18 de maio para presentar a documentación necesaria para recibir as axudas aos gastos de marcaxe. Como xa ocorrera o ano pasado, son os propios produtores, tanto as persoas físicas como as xurídicas, os que deben realizar esta solicitude, a diferencia de ocasións anteriores cando o Consello Regulador realizaba os trámites necesarios para cada inscrito.

Poden beneficiarse destas achegas os titulares de explotacións que se incorporaran ás IXP despois do 18 de novembro do 2015 e que estean en activo. Cobren o 100% dos gastos subvencionables, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, e durante un período máximo de 5 anos.

Desde o mes pasado, o Consello Regulador xa vén avisando, por correo electrónico ou por mensaxe telefónica, aos inscritos aos que lles corresponde a axuda.

Como presentar a solicitude

Estas achegas deben solicitarse de xeito electrónico neste enlace da sede online da Xunta, onde se indica a documentación necesaria. Como período subvencionable, comprende dende o 1 de maio do 2020 ata o 30 de abril deste ano. E ao igual que nas últimas convocatorias, só se admitirán as solicitudes que superen os 50 €

Para calquera dúbida, os inscritos en Ternera Gallega e en Vaca Galega / Boi Galego poden poñerse en contacto co Consello Regulador nos teléfonos habituais: 981 575786 e 981 574899 ou enviando un correo electrónico a: admin11@vacundegalicia.com