Últimos días para presentar as axudas aos gastos de marcaxe 

O próximo 18 de maio remata o prazo para que os novos gandeiros inscritos nas IXP Ternera Gallega e Vaca Galego / Boi Galego soliciten as axudas aos gastos de marcaxe dos seus animais. O período subvencionable abrangue dende o 1 de maio do 2020 ata o pasado venres 30 de abril, polo que os produtores xa coñecen o importe definitivo para cubrir as solicitudes. Como ocorrera nas últimas convocatorias, deben superar os 50 €.

O Consello Regulador xa avisou, por sms e correo electrónico, aos titulares das explotacións con dereito a estas axudas. Ao igual que o ano pasado, deben ser os propios produtores, tanto as persoas físicas como as xurídicas, os que tramiten a solicitude de xeito electrónico na sede online da Xunta. 

Requisitos

Poden beneficiarse destas axudas gandeiros e gandeiras que se incorporaran ás IXP despois do 18 de novembro de 2015 e que estean en activo. Cobren o 100 % dos gastos subvencionables, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, e durante un período máximo de 5 anos.

Para calquera dúbida, os inscritos en Ternera Gallega e en Vaca Galega / Boi Galego poden poñerse en contacto co Consello Regulador nos teléfonos habituais: 981 575786 e 981 574899 ou enviando un correo electrónico a: admin11@vacundegalicia.com