A campaña promocional de Ternera Gallega nos puntos de venda chega ao seu quinto sorteo

Despois de dous meses e medio de promoción en máis de 1.200 establecementos de toda España, Ternera Gallega celebra o próxima semana o quinto e último sorteo dentro da campaña “Achégate a todo o bo de Galicia”. Unha nova oportunidade para que os consumidores da carne certificada poidan gañar un lote de alimentos galegos con denominación de calidade.

Nesta ocasión, admítense os tíckets de compra de Ternera Gallega correspondentes á primeira quincena do mes de maio. Como nos anteriores sorteos, os participantes poden inscribirse accedendo directamente á web www.acercateatg.com ou escaneando o código QR impreso na cartelaría distribuída nos puntos de venda, que os redirixirá a dita páxina para cubrir un sinxelo formulario.

Nas últimas semanas, decenas de premiados xa recibiron os seus lotes, compostos por unha vintena de produtos con IXP, DOP ou selo do CRAEGA, ademais de dúas bandexas de filetes e outras dúas de entrecostos de Ternera Gallega.

Esta promoción, que se puxo en marcha en marzo tanto nas carnicerías tradicionais como nos centros da gran distribución, apoiouse en diferentes materiais publicitarios, como carteis, displays, promostoppers e adhesivos. Tamén se difundiu en diversos medios de comunicación e no contorno dixital. Finalizado o sorteo, "Achégate a todo o bo de Galicia" continuará publicitando Ternera Gallega co obxectivo de promover o consumo da carne certificada. A campaña fai fincapé no papel dos gandeiros e gandeiras inscritos, que crían os seus animais seguindo pautas tradicionais, garantindo o seu benestar e respectando os recursos naturais; de xeito que, coa súa actividade, contribúen a fixar poboación e manter vivo o medio rural.