A IXP colabora coa Ruta dos Fornos do Pan de Cea

O próximo sábado, 3 de xullo, a Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea organiza a súa tradicional Ruta dos Fornos, que chega xa á sétima edición. Comezará ás 6 da tarde e vai percorrer dez fornos tradicionais, onde se realizarán diferentes degustacións do Pan de Cea en combinación con outros produtos galegos con selo de calidade. E entre eles, atoparase a carne certificada de Ternera Gallega.

Os participantes nesta Ruta dos Fornos deberon rexistrarse previamente e o sábado retirarán as súas pulseiras na Praza Maior de San Cristovo de Cea, onde tamén se lles dará un vaso e un prato non retornable. En cada forno, os produtos a degustar serviranse de xeito individual, evitando aglomeracións e cumprindo coas medidas de seguridade e distancia necesarias. 

Esta posta en valor do Pan de Cea xunto a outros alimentos galegos con IXP ou DOP contará tamén con ambientación musical, a cargo de grupos de música tradicional como Feitizo de Pau. Ao remate da Ruta, Javier Ojeda ofrecerá un concerto na praza Maior; é gratuíto pero precisa de rexistro previo. 

O Consello Regulador do Pan de Cea tamén organizou o pasado domingo unha andaina solidaria coa que se recadaron fondos para a Asociación Ourensana de Esclerose Múltiple.