Javier Gómez Noya achégase a todo o bo de Galicia con Ternera Gallega

Antes de dedicarse de cheo a preparar a súa participación nos Xogos Olímpicos, o embaixador de Ternera Gallega, Javier Gómez Noya, sumouse á nova campaña promocional da IXP, Achégate a todo o bo de Galicia. O campión do mundo de tríatlon visitou unha das 8.300 explotacións familiares inscritas para coñecer o traballo diario dos gandeiros e o seu sistema de crianza e manexo dos animais, apoiando tamén o novo selo de Benestar Animal co que se comercializa a carne certificada.

A visita plasmouse nun vídeo promocional dirixido ao ámbito online, especialmente ás redes sociais de Ternera Gallega, no que Gómez Noya recalca a importancia do labor dos gandeiros e gandeiras para manter vivo o medio rural e evitar o seu despoboamento. Tamén fai fincapé en como a actividade gandeira contribúe á biodiversidade e a preservar os recursos naturais. 

Acompañado por gandeiros inscritos e rodeado dos seus tenreiros, o triatleta destaca os seus coidados e o respecto polo benestar animal. E incide na calidade da carne de Ternera Gallega, un produto tradicional que lle achega os nutrientes que precisa para competir ao máximo nivel. Con este vídeo, Gómez Noya apoia a campaña Achégate a todo o bo de Galicia, coa que a IXP quere trasladar aos consumidores todo o que hai detrás do selo de Ternera Gallega e amosarlles a realidade diaria da súa actividade.

Sorteo promocional 

Trala presentación do vídeo e con motivo da presenza de Gómez Noya nos Xogos de Tokio, a IXP sortea entre os seus seguidores 5 camisetas firmadas polo triatleta. A mecánica é moi sinxela. Os usuarios deberán seguir a Ternera Gallega en Facebook, Instagram ou Twitter, darlle me gusta á publicación sobre o sorteo e mencionar a un amigo. O prazo para participar remata o domingo día 25, xusto antes de que Gómez Noya compita na proba olímpica.