A Escola de Cociña de Ternera Gallega regresa con novidades

Cunha imaxe renovada, a IXP lanza novos capítulos da súa Escola de Cociña, que volve chea de receitas inéditas e dos mellores consellos para preparar a carne certificada e potenciar o seu sabor ao máximo. Sempre da man do chef Javier Rodríguez “Taky”, esta nova tempada inclúe, ademais, un apartado especial para coñecer mellor cada peza de Ternera Gallega e os seus usos culinarios.

Como non podería ser doutra maneira nesta época, Escola de Cociña estréase pensando nas churrascadas estivais compartidas con familia e amigos. Nesta primeira receita, Taky ensínanos a tratar este corte da faldra de varias maneiras, obtendo resultados moi diversos: desde a forma tradicional ata un estilo máis americano, cun toque distinto ao final. Para conseguir estes diferentes sabores, o chef xoga co grosor das costelas, cos seus tempos e ritmos de cociñado. E co obxectivo de sacarlle o maior partido á carne de Ternera Gallega, tamén nos lembra os consellos previos á súa preparación, como a importancia do temperado para lograr que se cociñe de forma regular, e incide nas mellores técnicas fronte á grella, xa sexa o canteo da peza ou por que lado comezar a preparala.

O churrasco é o primeiro prato, pero pronto chegarán novas propostas gastronómicas para todos os gustos e necesidades; tanto receitas rápidas e sinxelas á prancha e outras de inspiración healthy como preparacións máis lentas e grandes asados. 

Cada corte, a súa receita

Como complemento perfecto ás receitas, Escola de Cociña trae novo contido didáctico sobre as diferentes pezas do vacún, para que todos poidamos coñecer os seus nomes, características e cualidades organolépticas. Taky amosaranos como cortar e preparar cada peza e cales son as máis apropiadas segundo a receita e o resultado gastronómico que busquemos. 

A Escola de Cociña de Ternera Gallega pon en valor a carne certificada para coñecer mellor o produto e, en consecuencia, apreciar o seu sabor, os seus zumes e a súa moleza. É na cociña onde se resume todo o traballo detrás da IXP para ofrecer unha carne de gran calidade: o labor dos seus gandeiros, a importancia da orixe, a cultura tradicional, o respecto polo benestar animal e os coidados da contorna e da natureza.