Remata o prazo para que os gandeiros beneficiarios xustifiquen as axudas aos gastos de marcaxe 

Os gandeiros inscritos en Ternera Gallega e en Vaca Galega / Boi Galego que resultaron beneficiarios das axudas aos gastos de marcaxe (solicitadas o pasado mes de maio) teñen ata o 31 de outubro para xustificar os pagos. Deben presentar, a través da sede electrónica da Xunta, a documentación necesaria: a solicitude de pago e as facturas e xustificantes bancarios correspondentes. 

A mediados de setembro, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria xa notificou a cada gandeiro beneficiario a concesión destas axudas, para as que agora deben xustificar o investimento realizado. Este ano, resultaron beneficiarios uns 500 inscritos en ambas IXP; 471 son gandeiros de Ternera Gallega e 18, de Vaca Galega / Boi Galego.  

Estas axudas correspóndelles aos gandeiros e gandeiras incorporados ás IXP despois do 18 de novembro de 2015, que estean en activo e cuxos gastos de marcaxe superaran os 50 euros durante o período subvencionable, que abrangueu dende o 1 de maio do 2020 ata o 30 de abril deste ano.

A solicitude da axuda debeu presentarse antes do 18 de maio, mediante o procedemento MR362A - Axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade; que, no caso de Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego, sufragan os custos pola marcaxe dos animais. Cobren o 100 % dos gastos subvencionables, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación e durante un período máximo de 5 anos.