Ternera Gallega e Gómez Noya falan de alimentación e deporte con 600 estudantes

A IXP retomou as masterclass sobre deporte e nutrición xunto ao seu embaixador e campión do mundo de Tríatlon, Xavier Gómez Noya. Despois de que, nas últimas ocasións, estes encontros tiveran que realizarse de xeito online debido á pandemia; hoxe o coloquio volveu de forma presencial desde o instituto vigués Santa Irene. Participaron dixitalmente, ademais, alumnos doutros seis institutos de toda Galicia, sumando case 600 estudantes de 3º e 4º da ESO e de 1º de Bacharelato. Tamén se puido seguir a charla en directo desde a canle de Youtube de Ternera Gallega.

Gómez Noya destacou ante os rapaces a importancia dunha alimentación equilibrada como combustible para o corpo, facendo fincapé en que a súa combinación co deporte é fundamental, non só para os atletas profesionais, senón como estilo de vida para todos, co obxectivo de manter unha boa saúde física e psicolóxica. A preguntas dos alumnos participantes, o embaixador de Ternera Gallega tamén repasou os seus comezos no deporte, a súa traxectoria profesional e a xestión dos logros e derrotas, sen esquecer adiantar os seus vindeiros pasos deportivos cara a longa distancia, coa vista posta no Ironman do próximo mes de maio.

Desde o punto de vista nutricional

Coa idea de fomentar hábitos saudables entre a mocidade, a masterclass tamén contou coa exposición da nutricionista Maika López, que ofreceu consellos para unha alimentación equilibrada e destacou a necesidade de escoller boas materias primas. Nesa liña, subliñou as cualidades de Ternera Gallega como produto de proximidade e avalado polo programa de control de calidade da IXP, lembrando o seu sistema de crianza tradicional e a alimentación dos animais inscritos, baseada no pastoreo, en forraxes e en concentrados vexetais. Tamén sinalou o aporte de nutrientes da carne certificada: de proteínas e vitaminas, e en especial da vitamina B12. Á hora de preparala recomenda unha cociña lixeira: á prancha, á grella ou ao forno.

Xunto aos cen alumnos que asistiron a esta masterclass de forma presencial no instituto Santa Irene de Vigo, tamén a seguiron online os estudantes do IES As Lagoas, en Ourense, o Fontem Albei de A Fonsagrada, o Lucus Augusti desde Lugo, o Urbano Lugrís de A Coruña, o IES de Sar en Santiago e o instituto de A Cañiza.