A Mesa de Prezos de Ternera Gallega renóvase na procura de maior obxectividade e melloras no seu funcionamento  

Ternera  Gallega  renova  e  mellora o sistema que indica os prezos de referencia dos animais inscritos na IXP, co propósito de aportar maior obxectividade e transparencia. A Indicación Xeográfica Protexida pon en marcha unha nova aplicación online, á disposición dos membros da Mesa, que favorece tanto a axilidade como a operatividade e a fluidez das comunicacións deste órgano, que semanalmente se reúne no Mercado de Amio.  

A través da nova aplicación, os membros da Mesa poden enviar a súa proposta de prezos para cada semana, segundo as bases de cotización, o peso, o sexo e a idade media dos animais sacrificados na anterior. Facilítase  así  o  acceso  a  esta  información  antes  de  realizar  o  debate  que  se  celebra  os mércores en Amio, onde se calculará a media de todas as propostas presentadas. Sobre esta media, os  membros  da  Mesa  establecerán  o  debate  do que sairán  as  cotizacións  semanais,  que  publican oficialmente tanto o Mercado de Amio como o Consello Regulador a través da súa páxina web.

Ademais  deste  avance  no  funcionamento  do  sistema,  tamén  se  renovou  a  Táboa  de  Prezos  para incluír novos baremos, que se axeitan mellor aos pesos que acadan actualmente as canais certificadas pola  IXP,  despois  de  que  se  ampliase  de  9  a  11  meses  a  idade  máxima  dos  animais  da categoría comercial Ternera Gallega.  

A conformación da Mesa de Prezos  

Actualmente, a Mesa de Prezos confórmase no sector produtor por representantes da produción de Ternera Gallega Suprema e de Ternera Gallega, ademais de contar tamén con representantes do sector industrial. Esta composición igualitaria ten como obxectivo acadar un equilibrio e representatividade que a faga operativa, obxectiva, recoñecida e respectada por todos os operadores do sector, tanto produtores como industrias e mesmo sexa tida en conta pola distribución.  

A Mesa de Prezos é unha ferramenta que serve de referencia para as cotizacións que se observan no mercado cada semana. Ternera Gallega non ten competencias nin poder de intervención sobre os prezos  en  ningunha  das  fases  da  cadea  posto  que  o  labor  do  seu  Consello  Regulador cínguese ao control  da  orixe  e  da  calidade  da  carne  para  a  súa  certificación,  así  como  á  súa  promoción  para incentivar o consumo e mellorar a comercialización, dando a coñecer o produto amparado.