Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego apoian a promoción da gastronomía e do turismo de Galicia

A carne certificada de vacún galego estivo presente este luns na presentación da campaña Écociña en Vigo. Organizada por Turismo de Galicia, a iniciativa busca promover entre peregrinos e turistas os establecementos hostaleiros situados no Camiño de Santiago, apostando por mellorar a súa oferta gastronómica con alimentos galegos de calidade, producidos en zonas de proximidade, e fomentando prácticas sostibles na xestión destes establecementos.

Neste acto de Écociña na Autoridade Portuaria de Vigo realizouse un percorrido pola traxectoria da campaña e recreouse a gastronomía das diferentes rutas do Camiño, contando coa carne amparada en varias delas. O chef do Restaurante Paprika (Lugo), Álvaro Villasante, elaborou unha minichapata de Ternera Gallega estufada; mentres que o cociñeiro Diego López, de La Molinera (Lalín), incorporou a carne da IXP ao seu Bocado de cocido galego e Bruno Pena, do hotel Oca Playa de Foz, preparou un Steak tartar en brioche de manteiga e queixo azul. O Boi Galego tamén se puido degustar neste acto, cunha picaña da categoría Selección ofrecida por Héctor López, do Restaurante España (Lugo).

Máis de cen restaurantes das diferentes rutas do Camiño, ademais das prazas de abastos, participaron nesta campaña, que aposta pola gastronomía autóctona e polos alimentos de tempada. Cos excelentes produtos agrícolas, gandeiros e pesqueiros ao longo do Camiño, Écociña pretende que os restaurantes os incorporan ás súas cartas para contar cunha oferta culinaria diferenciada, tal e como demanda o peregrino, que busca unha experiencia de calidade completa. 

Outono Gastronómico

Durante os últimos meses, Ternera Gallega tamén colaborou co 15º Outono Gastronómico, que celebran as casas de Turismo Rural de Galicia ata o vindeiro 19 de decembro. Nesta edición, as casas rurais inclúen nos seus menús produtos con selos de calidade, como as IXP e as DOP ou os ecolóxicos. Ademais, a Gastroneta da Axencia Galega da Calidade Alimentaria percorreu diferentes localidades para ofrecer menús degustación baseados nestes produtos, incluída a carne amparada, ás persoas aloxadas nos establecementos de turismo rural de cada zona.