A Estratexia da Carne, a debate na Voz de Galicia coa participación da IXP

Tras concluír as estratexias de dinamización do viño e do leite, tanto a Xunta como o sector traballan agora na futura estratexia da carne; dando así cobertura aos tres piares fundamentais da economía rural galega. O futuro destes sectores foi o eixo central dun encontro organizado pola Voz de Galicia, no que participou o presidente do Consello Regulador, Jesús González, xunto co conselleiro do Medio Rural, José González, o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, e o presidente da DO Rías Baixas, Juan Gil.

No referente á Estratexia da Carne, o presidente de Ternera Gallega resaltou a súa importancia como unha análise profunda do sector, que permitirá detectar as necesidades a todos os niveis: tanto na produción como na industria e no mercado. Para Jesús González, a clave pasa por mellorar a rendibilidade das explotacións e que as industrias gañen en competitividade e loxística comercial. Tamén destacou o posicionamento do vacún galego no mercado para lograr unha subida dos prezos que repercuta en toda a cadea, ata chegar especialmente aos gandeiros. Lembra que o peso do aumento dos custes das materias primas, da luz e dos combustibles debe asumirse entre todos os axentes implicados e non só na parte da produción.

Neste encontro, González apostou por potenciar a produción de carne en Galicia xa que, sinala, a comunidade conta coas condicións necesarias para liderar este sector en toda España, como o bo saber dos gandeiros, a súa tradición cárnica e a calidade do produto. E non só destacou o factor económico do vacún galego, tamén o aspecto social. O presidente de Ternera Gallega recordou que máis do 70 % das explotacións cárnicas se sitúa en zonas de media e alta montaña, mantendo vivo o medio rural, realizando un grande labor medioambiental e fixando poboación.

Valorizar o produto

Tanto para a carne como para o leite, o obxectivo fundamental das súas estratexias de dinamización é valorizar o produto. O conselleiro do Medio Rural afirmou que a calidade debe recoñecerse a través dos prezos e repercutir na rendibilidade das ganderías. Igualmente, subliñou a importancia da lei da cadea para prohibir a venda a perdas, defendeu a conta láctea e a lei da recuperación da terra agraria, ademais de apostar pola formación empresarial para os produtores.