O Protocolo de Ternera Gallega para a rendibilidade das súas explotacións recibe o respaldo da Comisión Galega da Competencia

O acordo alcanzado o pasado mes de marzo, entre o sector cárnico e Ternera Gallega, para garantir o futuro das explotacións e as rendas dos seus gandeiros recibiu a valoración por parte da Comisión Galega da Competencia, á que a IXP remitiu dito acordo. O organismo destaca a temporalidade e excepcionalidade deste Protocolo e recomenda unha especial vixilancia para non romper as regras da competencia

A Comisión considera que o Protocolo firmado polo sector recolle medidas para “a mellora da cadea alimentaria e a posición dos produtores nela”; obxectivo que tamén se marca na nova PAC. Tamén valora positivamente o seu “carácter temporal e excepcional” derivado do aumento dos custos das materias primas, do gas, da electricidade e doutros combustibles, ademais das consecuencias económicas provocadas pola invasión rusa de Ucraína. 

Segundo indica o organismo, respalda a realización de estudos e informes sobre os métodos de produción sostible e a evolución do mercado, incluíndo, tal e como indica o Protocolo, os custos de produción por subsectores obxectivos, transparentes, verificables e non manipulables. E recomenda unha “especial vixilancia para que os resultados destes estudos non deriven nun fixación de prezos ou na aliñación de custos entre os produtores que provoque unha uniformidade de prezos”. Neste sentido, a Comisión resalta que “deberá evitarse que se usen indicadores comúns para constatar cambios nos custos e que tamén se deberá evitar que o resultado dos custos de cada explotación sexa coñecido publicamente polo resto dos produtores evitando desagregacións excesivas”.

Igualmente, o organismo valora en positivo que a referencia a eses estudos e informes sexa “voluntaria para as partes, garantindo o respecto á libre elección na fixación dos prezos dos contratos”.