As IXP Ternera Gallega e Vaca Galega/Boi Galego amosan a súa excelencia gastronómica no Salón Gourmets

A IXP Ternera Gallega e a IXP Vaca Galega / Boi Gallego acudiron esta semana ao 35º Salón Gourmets celebrado en Madrid, a principal cita europea dedicada aos produtos delicatessen e evento de referencia para o público profesional, especialmente da restauración e da canle Horeca. Ternera Gallega, que este ano exerceu como patrocinador do Salón, e Vaca Galega / Boi Galego expuxeron a calidade das carnes certificadas e a diversidade dos seus usos culinarios.

Dentro do stand institucional da AGACAL, as dúas IXP ofreceron tres masterclass sobre os cortes singulares, da man dos cociñeiros Flavio Morganti, Xosé Manuel Mallón (do espazo gastronómico Remollo, Ames) e Héctor López (do restaurante España, Lugo, e pertencente ao grupo Nove). Ante unhas sesenta persoas, os chefs evidenciaron a versatilidade das carnes de Ternera Gallega, facendo fincapé na categoría Suprema, e de Vaca Galega e Boi Galego; amosando os diferentes usos gastronómicos e as cualidades organolépticas de pezas pouco coñecidas, como a tapa da pa, a bavette ou o vacío. Os tres showcookings romperon os mitos da cociña sobre estes cortes, revalorizándoos en receitas nas que se soe optar polo lombo ou o solombo. Xunto ás demostracións culinarias, o público tamén puido coñecer a importancia da actividade gandeira das IXP para manter vivo o medio rural galego, conservando a súa biodiversidade e sostibilidade medioambiental.  

Obradoiros para os cativos

Como patrocinador oficial do Salón Gourmets, Ternera Gallega participou nos Talleres infantís que organiza a feira, impartindo 4 obradoiros diarios, ata un total de 16, aos que asistiron 800 escolares da comunidade de Madrid, con idades de entre 8 e 10 anos. Talleres que visitaron o ministro de Agricultura, Luis Planas, e o director da AGACAL, José Luis Cabarcos, entre outras autoridades. 

Dunha maneira sinxela e gráfica, a IXP achegou aos rapaces o significado do selo de calidade, ademais de contarlles como traballan os gandeiros inscritos e como crían e alimentan os seus animais. E o especialista en nutrición infantil, Eloy Figueiras, explicoulles que a carne certificada é un bo complemento dentro dunha alimentación variada e equilibrada, que aporta proteínas de calidade, ademais de vitaminas e minerais. Trala charla, os cativos puideron probar unha minihamburguesa de Ternera Gallega.

Promoción nunha feira internacional 

Xunto ás actividades gastronómicas, o Consello Regulador tamén deu resposta as solicitudes de información e de carácter comercial por parte dos visitantes do stand, profesionais de toda España e doutros países como Alemaña, Bélxica e Francia, que recibiron material divulgativo sobre Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego e súas carnes amparadas. Desta forma, xorden novas oportunidades de negocio para as industrias inscritas en ambas IXP.

O Salón Gourmets é un evento de referencia en Europa como principal feira dedicada aos alimentos e bebidas delicatessen. Nesta edición, con 800 actividades, 1.500 empresas expositoras e a asistencia de compradores de 65 países, alcanzáronse os 80.000 visitantes.