O obradoiro de emprego Vigo Capacita recibe formación sobre a carne certificada

Ternera Gallega continúa co seu programa de formación, tanto a nivel de produción como nas demais fases da cadea, ata chegar ao consumidor final. O pasado venres, como leva facendo desde hai anos, impartiu un seminario teórico e práctico sobre o vacún de calidade no obradoiro de emprego Vigo Capacita, no que 20 alumnos se forman para obter o certificado de profesionalidade nas especialidades de Cociña e Servizos de Restaurante. 

Os participantes no taller puideron coñecer o significado do selo IXP e como se produce a carne de calidade que ampara Ternera Gallega: o tipo de ganderías e animais inscritos, as súas razas o seu sistema de manexo e alimentación. Tamén se lles explicou a certificación Benestar Animal Ternera Gallega, ademais do programa de control e trazabilidade que a IXP aplica desde o campo ata que o produto chega ao punto de venda. Nese sentido, fíxose fincapé na importancia das etiquetas que sempre acompañan á carne certificada para garantir a súa orixe e calidade.

Coñecida a parte teórica, os alumnos puideron traballar directamente co produto para diferenciar as diversas pezas e os usos culinarios de cada unha. Puideron aplicar as técnicas de preparación e cociñado máis axeitadas segundo o corte e os obxectivos gastronómicos buscados. 

O Centro Cultural e Veciñal de Valadares acolle este programa de formación para o emprego, cunha duración de 9 meses, co obxectivo de ampliar as oportunidades laborais dos alumnos participantes.