Os alumnos do taller de emprego de Vilanova de Arousa fórmanse con Ternera Gallega

Como xa fixera o ano pasado, a Indicación Xeográfica Protexida levou o seu programa formativo ao taller de emprego Mar de Santiago, en Vilanova de Arousa, que desenvolve a súa segunda edición. Un obradoiro relevante para a inserción laboral e o turismo de O Salnés, xa que forma a profesionais da hostalería, moi demandados na zona. Dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos de idade, un total de 16 alumnos participan no módulo de Cociña ou no de Servizo de Restauración, Bar e Cafetería.

O seminario da IXP comezou cunha clase teórica sobre a importancia deste selo de calidade europeo e o seu significado para as zonas de produción, ademais de explicar o método de crianza tradicional dos animais inscritos, as súas razas e alimentación e os seus coidados de benestar animal, avalados pola nova certificación de Ternera Gallega. Outro punto clave nesta formación é o sistema de control e de trazabilidade da carne amparada, amosando como os inspectores do Consello Regulador controlan a calidade do produto e o seu etiquetado, desde o campo ata as  industrias e os puntos de venda. Un etiquetado de interese, tanto para o hostaleiro como para o consumidor, xa que é o que garante as cualidades da carne e permite diferenciar as súas categorías comerciais.

Nos aspectos máis prácticos, os alumnos do obradoiro traballaron directamente coa carne de Ternera Gallega, para achegarse ás mellores técnicas de corte e preparación, aprendendo cuestións coma a maduración ou o temperado. Puideron coñecer as diferentes pezas do vacún e os usos gastronómicos máis apropiados para cada una.

Formación para o emprego

O taller Mar de Santiago ten unha carga lectiva de 1.920 horas distribuídas en 12 meses, nun formato mixto de emprego e formación, onde os alumnos fan servizos de interese xeral e social mentres se favorece a súa inserción laboral. Contan cun contrato de traballo a xornada completa durante o ano que dura a formación e, ao finalizala, optan a poder empregarse en empresas da zona.