As carnes de Ternera Gallega Suprema e de Boi Galego Selección expoñen a súa excepcional calidade no Salimat 

Desde o stand da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, as IXP Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego participaron de novo no Salón de Alimentación do Atlántico, dentro da mítica Semana Verde de Silleda, celebrados entre o 2 e o 5 de xuño. Ambas Indicacións Xeográficas Protexidas ofreceron tres masterclass nas xornadas do xoves, venres e sábado, coas carnes certificadas de Ternera Gallega Suprema e Boi Galego Selección como protagonistas.

A calidade excepcional e o gran sabor destas carnes, de categoría premium, exhibiuse a través de diferentes pezas e propostas gastronómicas da man dos chefs Criselda Iglesias, da Taparía Lecer de Cangas, e Xosé Manuel Mallón, do Espazo Gastronómico Remollo. As tres demostracións culinarias puxeron en valor os cortes singulares do vacún, como a tapa da pa ou a bavette, ademais doutros máis coñecidos, como o xarrete ou a croca. Pezas, todas elas, moi versátiles na cociña, que se prepararon en receitas modernas, como en tataky ou carpaccio, sen esquecer os pratos de sempre: a carne ao caldeiro ou sinxelamente á grella, para realzar o seu sabor e moleza sen aderezos. 

A masterclass do xoves, no Centro de Negocios do Salón, dirixiuse a importadores de Francia, Alemaña, Países Baixos, Canadá ou China, que coñeceron non só as carnes de Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego, senón o total dos 36 produtos galegos con distintivo de calidade IXP ou DOP. O venres e o sábado, tanto o público xeral como o profesional puideron asistir aos restantes showcookings, que na fin de semana tamén visitaron o presidente da Xunta, Alfondo Rueda, o conselleiro do Medio Rural, José González, e o director da Agacal, José Luis Cabarcos. 

No stand, ademais das demostracións gastronómicas, expúxose material informativo, divulgativo e promocional sobre o sistema de produción de Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego, o programa de control e trazabilidade das dúas IXP e as cualidades diferenciais das carnes que amparan. 

Unha cita tradicional

Despois de celebrarse no 2021, de xeito excepcional, no mes de setembro, o Salimat e a Semana Verde regresaron este ano ás súas datas habituais e superaron os 95.000 visitantes. Cun amplo programa de actividades, dirixidas tanto ao público xeral como ao profesional, que acolleron propostas innovadoras e outras xa consolidadas polo seu éxito ano tras ano. 

Nesta feira mítica no calendario de Galicia, únense entidades de promoción agroalimentaria, organizacións sectoriais, produtores, artesáns e industrias, ademais da distribución, para potenciar a súa visibilidade e sementar novas oportunidades de negocio.