A UE publica a solicitude de rexistro da IXP Vaca Galega – Boi Galego

Queda o último paso administrativo para que a Indicación Xeográfica Protexida sexa recoñecida a nivel europeo. O Diario Oficial da EU publicou a solicitude de rexistro de Vaca Galega – Boi Galego o 14 de xuño, día desde o que se abre un prazo de 3 meses no que se poderán presentar alegacións doutros países. 

Superado este tempo, se non hai oposicións, a IXP será recoñecida como selo de calidade con protección a nivel europeo. Actualmente, Vaca Galega – Boi Galego funciona baixo a protección nacional transitoria, despois de superar o período de exposición pública en España.

O presidente do Consello Regulador, Jesús González, sinala que a solicitude de rexistro é un paso administrativo importante xa que remata así a fase de revisión do expediente, longa e complicada, pero queda agardar aínda os 3 meses de rigor. Confía en que a finais de ano a IXP Vaca Galega – Boi Galego conte co recoñecemento europeo.  

Características da IXP

Vaca Galega – Boi Galego ampara os animais de vacún maior nacidos, criados e sacrificados en Galicia, das razas Rubia Galega, Morenas Gallegas, Asturiana de los Valles, Limusina, Rubia de Aquitania, Frisona e Pardo Alpina, en pureza ou cruzadas. As vacas deben ter unha xestación antes do sacrificio e os bois deben castrarse antes do ano e superar os 48 meses. 

A súa alimentación baséase no pastoreo, no aproveitamento de forraxes verdes e conservados, ademais de noutros recursos propios das ganderías. A ración compleméntase con fariñas de cereais e concentrados exclusivamente vexetais. 

A carne certificada distínguese gracias ao seu etiquetado, que incorpora a mención “Selección” no caso dos canais que sobresaen pola súa graxa de cobertura e grao de infiltración.