Os inscritos apostan polas xestións dixitais coa IXP

Cada vez máis gandeiros e gandeiras de Ternera Gallega contan con usuario online para deixar os avisos de marcaxe a través da web ou da aplicación móbil da IXP. Case 2.400 inscritos elixen estas opción dixitais, que lles facilitan algunhas das xestións a realizar co Consello Regulador, xa que as poden facer directamente desde o seu móbil, sen necesidade de chamar por teléfono á Denominación. 

Unha tendencia que vai en aumento, tal e coma reflicten os datos dos últimos anos. Mentres que, no 2018, o 11 % os avisos de marcaxe se deixaba pola web de Ternera Gallega ou pola app; agora a porcentaxe case alcanza o 21 %.  Entre as dúas opcións, a preferencia dos gandeiros é a aplicación móbil, desde onde chega o 14 % dos avisos, sobre a web corporativa, que recolle o 7 % restante. 

Ademais de deixar os avisos de marcaxe, estes mecanismos tamén permiten aos usuarios cubrir outras necesidades, como consultar os avisos xa rexistrados (pendentes de realizar) e os pesos dos canais certificados no matadoiro, ademais da Mesa de Prezos, tal e como se indica neste vídeo

Calquera inscrito con correo electrónico pode empregar estas opcións dixitais. Só debe chamar aos teléfonos habituais de Ternera Gallega ou escribir a consello@vacundegalicia.com para solicitalo, indicando o titular da explotación e o seu e-mail. Desde a IXP enviaránselle as instrucións para darse de alta na zona privada da web ou para descargar a aplicación “Ternera Gallega Explotacións” desde Play Store (Android) ou App Store (Apple).