A I Festa da Vendima do Saviñao marida con Ternera Gallega Suprema

A centenaria Devesa de Escairón acolleu esta fin de semana a primeira edición da Festa da Vendima do Saviñao, que nace coa idea de poñer en valor os viños da Ribeira Sacra, a súa gastronomía e as tradicións da zona. Unha estrea na que a IXP participou cunha demostración culinaria e degustación de Ternera Gallega Suprema, na que se exhibiron diferentes pezas e tipos de preparacións. 

O chef Santi Almuiña, do restaurante Colón (Lugo), fixo un percorrido gastronómico desde os pratos menos cociñados, como un tataky de croca, ata receitas máis elaboradas, como o xarrete guisado. No punto intermedio, para a prancha, escolleu varios cortes: o vacío, a tapa da pa (llana) e o rabiño de croca, o que permitiu amosar a versatilidade das diferentes pezas da carne certificada, tanto para a cociña do día a día como para ocasións especiais. 

Ademais da calidade culinaria de Ternera Gallega Suprema, os asistentes puideron coñecer o seu sistema tradicional de crianza, o tipo de alimentación, caracterizada pola lactancia materna ata os 7 meses, e o sistema de control e trazabilidade que realiza a IXP no campo, nas industrias e nos puntos de venda. Tamén se fixo fincapé na etiqueta rosa que distingue e identifica á carne de Suprema.

Xunto cuns trinta asistentes, a demostración gastronómica recibiu a visita do alcalde do Saviñao, Carlos Armesto, e do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, ao que a Festa da Vendima nomeou Cabaleiro da Orde da Mencía. A celebración tamén contou con talleres de catas, rutas polas adegas e actuacións musicais, con Susana Seivane, Luar na Lubre ou De Vacas.