Comeza a campaña de promoción nacional de Ternera Gallega Suprema 

- O seu obxectivo é incentivar o consumo desta carne certificada, seguir incrementando a súa notoriedade e transmitir o labor dos gandeiros e gandeiras de Ternera Gallega Suprema

- A campaña terá unha ampla presenza en diferentes medios: televisión, radio, prensa xeral e especializada e no ámbito online

A IXP Ternera Gallega e a Xunta poñen en marcha a campaña de promoción de Ternera Gallega Suprema a nivel nacional. Así o anunciou esta mañá o conselleiro do Medio Rural, José González, no marco do II encontro Galicia Etiqueta Calidade, acompañado polo presidente do Consello Regulador das Carnes de Vacún de Galicia, Jesús González, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.

A campaña publicitaria de Ternera Gallega Suprema busca aumentar a sensibilización sobre a gran calidade desta carne certificada e incentivar o seu consumo, tanto dentro coma fóra das nosas fronteiras. O presidente da IXP destacou que esta iniciativa tamén quere transmitir aos consumidores o labor dos gandeiros e gandeiras de Ternera Gallega Suprema e explicar a crianza tradicional dos seus animais, como orixe dunha carne de máxima calidade e garantías. Nesa liña, o conselleiro do Medio Rural lembrou que a campaña cumpre co compromiso adquirido, xunto coa Indicación Xeográfica Protexida, con todos as ganderías de Ternera Gallega Suprema. 

Gran presenza nos medios

A campaña de promoción de Suprema cubrirá todo o espectro da comunicación audiovisual. Conta cunha gran aposta pola televisión, con spots de diferentes duracións nas principais cadeas nacionais, sen esquecer as canles temáticas e as de ámbito autonómico e local. Terá unha importante presenza en horario prime time.

Esténdese igualmente á radio, especialmente nas emisoras de ámbito estatal, á prensa xeralista e especializada e á contorna dixital, tanto en medios de comunicación xerais e revistas gastronómicas ou de lifestyle como en radio online e podcast. Por outra banda, a campaña chegará tamén aos diferentes puntos de venda da carne certificada.

Ternera Gallega Suprema, carne de máxima calidade

A carne certificada pola IXP como Ternera Gallega Suprema procede de animais das razas autóctonas e os seus cruces, menores de 10 meses e que se alimentan de leite materno como mínimo ata os 7. Este requisito, a lactancia materna, é a principal das súas características e a que a diferencia no mercado. Unha alimentación que se complementa cos recursos forraxeiros de cada gandería e concentrados vexetais aprobados pola IXP. 

Os tenreiros críanse de maneira tradicional en pequenas granxas familiares, moitas delas situadas en zonas de media e alta montaña, onde os gandeiros e gandeiras galegos contribúen a manter vivo o medio rural e a fixar poboación, na procura da sostibilidade medioambiental, económica e social do campo. 

Ternera Gallega Suprema recoñécese no punto de venda pola súa etiqueta rosa, que inclúe o selo europeo de Indicación Xeográfica Protexida e o logotipo propio de Ternera Gallega. Unha etiqueta que tamén avala que o produto superou un rigoroso programa de control e trazabilidade, desde o campo ata que chega ao consumidor. O resultado é unha carne con orixe e calidade garantidas, e con destacadas cualidades organolépticas. Ternera Gallega Suprema sobresae por ser unha carne tenra, zumarenta e con gran sabor.