Ternera Gallega copatrocinou o premio Stephen Hawking do IES Rosalía de Castro 

A quinta entrega do galardón, que celebra o instituto compostelán cada ano para promover a investigación científica entre a mocidade, contou de novo co apoio da Indicación Xeográfica Protexida. Unha acción que se enmarca na política do Consello Regulador de colaborar activamente con actividades educativas, deportivas ou con causas sociais, dentro da súa Responsabilidade Social Corporativa. 

A protagonista desta edición foi a directora do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana, María Martiñón, que puxo en valor a alta calidade das investigacións presentadas. A paleontropóloga exerceu de presidenta dun xurado que avaliou 40 traballos realizados por 63 estudantes de bacharelato de toda Galicia. 

Presentáronse os centros Pintor Colmeiro de Silleda, Blanco Amor de Ourense, Lucus Augusti de Lugo, Xelmírez II de Santiago, Compañía de María de A Coruña, Eusebio da Guarda de A Coruña, Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo e o propio Rosalía de Castro de Santiago. Os traballos abarcaron áreas moi variadas: bioloxía, química, matemáticas, física e informática. 

Stephen Hawking cedeu o seu nome para o premio despois de manter unha relación próxima co IES Rosalía de Castro desde que, no 2008, presentara neste centro o libro A clave secreta do universo.