DIXITEGA comeza as consultas cos axentes da cadea de valor da IXP 

A dixitalización da cadea de valor de Ternera Gallega mediante o proxecto DIXITEGA continúa este verán coa fase participativa, na que se está a solicitar información a unha mostra de responsables da produción, da industria e da distribución. Nestes meses, entrevistarase a unha decena de representantes de entidades como Unións Agrarias, a Asociación de Gandeiros Galegos de Suprema, a cooperativa Almoga, Coren, a Asociación Galega da Carne (Asogacarne), tamén a Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos para Animais (Agafac), Gadisa, Vegalsa, e propietarios de cebadeiros privados.

A maiores, a IXP xa compartiu un cuestionario online para solicitar información a arredor de 3.000 inscritos, tanto da produción coma da industria, para recoller as súas opinións e necesidades de información que permitan mellorar o proceso produtivo dos axentes implicados no selo de calidade. Tras analizar a información obtida, no outono dará comezo a terceira fase de traballo do proxecto para comezar a crear e testar a plataforma tecnolóxica DIXITEGA. A ferramenta, que se presentará a finais de 2024, vai permitir o acceso e manexo conxunto das fontes públicas e privadas relevantes para a cadea de valor de Ternera Gallega e facilitará a toma de decisións a partir de datos contrastados.

Produtores, cooperativas, industrias alimentarias, cadeas de distribuidores, organizacións agrarias, centros tecnolóxicos, grupos de investigación ou administracións públicas poderán interactuar e compartir información relativa ao custe das materias primas, evolución dos prezos, oferta e tipoloxía dos animais dispoñibles para a comercialización, estatísticas de produción, sacrificio ou consumo, entre outras. En consecuencia, DIXITEGA mellorará a transparencia e a información útil compartida co consumidor final.

A dixitalización do vacún galego

O agrogandeiro segue sendo un dos sectores económicos con menor implantación das TIC. As principais barreiras detectadas para a transformación dixital en Galicia son o pequeno tamaño das explotacións e, en xeral, as escasas marxes das unidades produtivas e da industria cárnica, que fan difícil acometer os investimentos. Neste sentido, tamén é unha desvantaxe a dificultade de acceso a datos públicos e privados; a existencia de fontes fiables e útiles; a falta de interoperabilidade da información e a dificultade das empresas tecnolóxicas para conectar cun sector altamente atomizado.

O obxectivo final de DIXITEGA é achegar solucións prácticas e innovadoras que derriben estas barreiras para fomentar a competitividade, a produtividade e a viabilidade dun sector estratéxico para o medio rural galego. Para consolidar o uso da plataforma, organizaranse xornadas de formación que permitan aprender a manexala e a mantela actualizada.

O proxecto articúlase a través dun grupo operativo da Asociación Europea de Innovación (AEI), cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Ademais da Fundación Juana de Vega como coordinadora, participan a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, o Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, AGRIGGA Carne SCG e a Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant).