A carne certificada percorre España coa Volta ciclista

Un verán máis, a IXP acompaña á Volta ciclista desde o seu inicio o pasado 26 de agosto en Barcelona e ata a meta final, en Madrid, o vindeiro 17 de setembro; nun percorrido que visitará 9 comunidades autónomas e localidades de Andorra e Francia. En total, 21 etapas, nas que se están a ofrecer degustacións de Ternera Gallega Suprema-Carne de Rubia Gallega, da man da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo e coa colaboración de ACRUGA.

A carne certificada promociónase con diferentes preparacións e pezas: febra miúda, xarrete, corte redondo, folla branda ou croca, que se presentan en estufados, guisos e salteados. Xunto co produto, o Consello Regulador tamén achega material promocional e divulgativo, coma receitarios, con información sobre as características da IXP, o sistema de produción, as categorías comerciais e os diversos cortes do vacún.

En apoio ao deporte

Na liña do Consello Regulador de fomentar o deporte e a alimentación equilibrada, Ternera Gallega colabora tamén con outras actividades, coma a Triple Corona Illas Atlánticas que se celebrará este 9 de setembro. Desde 14 comunidades autónomas e países coma México ou Cuba, 140 deportistas van participar nesta proba de natación que discorre entre Sálvora e Ribeira. 

E coma é habitual cada ano, a IXP apoiou a regata organizada en agosto polo Club de piragüismo “Ribeiras do Tambre” na praia fluvial de Tapia. Tamén se ofreceu unha degustación para deportistas e asistentes, que sumaron máis de 300 persoas.