
As IXP Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego regresan unha edición máis a Xantar
As dúas Denominacións de calidade volveron a esta cita anual co turismo e coa gastronomía, que se celebrou en Ourense entre o xoves e o domingo. O produto certificado por ambos selos degustouse nunha ampla masterclass, na que o cociñeiro Marco Varela, de O Sábrego Restaurante (Ribadavia, Ourense), fixo un percorrido por diferentes pezas e receitas, poñendo sobre a mesa a grande versatilidade do vacún galego, que combinou con outros produtos con IXP e DOP.
Como primeiro prato, o chef comezou cunha proposta de Ternera Gallega Suprema en cru: un tartar elaborado co centro de man, a diferencia do habitual solombo, e acompañado dunha tosta de Pan de Cea. A continuación, escolleu o vacío para apreciar as diferencias -en textura, sabor e intensidade - entre a carne de vacún maior e a procedente de animais novos. Elaborou o vacío de Ternera Gallega Suprema con Grelos de Galicia, mentres que ligou o de Vaca Galega con Queixo San Simón e Castaña de Galicia. Para rematar, a proposta de Marco Varela centrouse de novo na carne de Suprema. Ofreceu un brioche de xarrete con picada de tapa da pa (llana).
Xunto coa degustación dos diferentes pratos, esta masterclass tamén ofreceu aos asistentes información sobre a IXP e o seu sistema produtivo, ademais de consellos sobre as diversas pezas e os seus usos culinarios.
Este ano, Xantar chegou á súa 24 edición, coa asistencia de 16.000 visitantes e co aforo completo nas 40 actividades que ofreceu.