Preto de 600 ganderías inscritas recibirán as axudas aos gastos de marcaxe
O DOG publicou o listado de beneficiarios das subvencións aos gastos de marcaxe solicitadas o pasado mes de maio. Agora teñen ata o 25 de novembro para presentar a documentación requirida: a solicitude de pagamento (anexo VI), as facturas e os xustificantes bancarios. Deben facelo a través da sede electrónica da Xunta, baixo o procedemento MR362A.
Na IXP Ternera Gallega, 566 ganderías viron concedida a axuda e, no caso da IXP Vaca Galega-Boi Galego, foron 13. En total, estas achegas para os inscritos superan os 125.000 euros.
Tamén as recibirán 304 produtores de Agricultura Ecolóxica, 21 da IXP Mel de Galicia e 1 da DO Valdeorras; sumando, entre todos eles, outros 124.000 euros.
Condicións
Trátase das axudas á nova participación de produtores en réximes de calidade, que os inscritos tiveron que presentar en maio. Tiñan dereito a elas aqueles que se incorporaran ás IXP despois do 18 de novembro de 2015, que estiveran en activo e que non superaran 5 convocatorias como beneficiarios.
Comprendían como período subvencionable dende o 1 de maio do 2023 ata o 30 de abril deste ano e dirixíanse ás explotacións con gastos de marcaxe superiores a 50 €. Cobren o 100 % dos gastos a subvencionar, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación.