Formación sobre calidade alimentaria no CIFP Fontecarmoa de Vilagarcía
O Consello Regulador achegouse a este centro para impartir o seu habitual seminario aos alumnos da FP de Industrias Alimentaria e do Ciclo Medio de Elaboración de Produtos Alimentarios. O significado dos selos europeos IXP e DOP, a calidade organoléptica da carne certificada, o despezamento e os usos culinarios máis axeitados para cada corte foron as principais cuestións abordadas nesta sesión formativa.
O director de Promoción, Luis Vázquez, explicou como funciona unha Indicación Xeográfica Protexida ou unha Denominación de Orixe Protexida e que condicións debe cumprir un alimento para recibir este recoñecemento por parte da Unión Europea. No caso de Ternera Gallega, afondou nas características da carne amparada, incidindo nas condicións de produción nas ganderías e nos aspectos técnicos e requisitos de certificación nas industrias inscritas.
Os estudantes puideron coñecer o sistema de control de calidade e rastrexabilidade que aplica o Consello Regulador en todas as fases da cadea. Desde o control documental e as visitas ás explotacións inscritas ata os procesos de certificación nas industrias e de identificación nos puntos de venda.
Ademais, trataron as diferencias entre as categorías comerciais Ternera Gallega Suprema e Ternera Gallega e a súa calidade organoléptica e nutricional. Nesta liña, Luis Vázquez falou da versatilidade do produto, deténdose no seu despezamento e nos diferentes usos culinarios dependendo do corte do que se trate. Diferenzas que os alumnos puideron apreciar traballando coa carne directamente, tanto entre coitelos como nos fogóns.