Nace a primeira iniciativa de venda directa de Ternera Gallega Suprema Ecolóxica
A carne certificada baixo esta categoría poderá chegar aos consumidores de toda España a través do proxecto online dun gandeiro inscrito para vender de forma directa o produto amparado. Unha iniciativa que se presentou este xoves en Lugo, coa asistencia de representantes da IXP, do CRAEGA e do delegado territorial da Xunta, Javier Arias. Actualmente, son 242 as ganderías inscritas que marcan baixo Ternera Gallega Suprema Ecolóxica, con máis de 8.600 reprodutoras e preto de 3.700 becerros rexistrados.
Baixo o nome de ‘Ganadería Lanzán’, este proxecto nace un ano despois de que o Consello Regulador e o CRAEGA firmaran un convenio de colaboración para a posta en marcha dunha etiquetaxe específica para Ternera Gallega Suprema Ecolóxica. As primeiras certificacións presentáronse en marzo en Alimentaria Barcelona, un dos eventos máis importantes do sector gastronómico.
Lactancia e manexo tradicional
O promotor da iniciativa, José González, fíxose cargo da gandería do seu pai, en Baralla, no 2001; aínda que a historia da súa casa, onde di que sempre houbo gando, remóntase ao 1709. Despois de darlle un cambio hai catro anos, ampliar as instalacións e apostar pola produción en ecolóxico, estréase na venda directa de Ternera Gallega Suprema Ecolóxica. Cría entre 20 e 30 becerros que se alimentan do leite materno ata os sete meses, como esixe a categoría Ternera Gallega Suprema; e cumpre, ademais, os requisitos do CRAEGA para a produción de carne de vacún ecolóxica.
Conta con 56 reprodutoras, sendo un terzo de raza Rubia Galega, que pastan en 55 hectáreas de terreo, nun modelo semiextensivo con manexo tradicional. González destaca que, a partir dos 7 meses e ata os 10 (cando se sacrifican), os seus animais están na explotación, entran e saen ás súas parcelas e seguen mamando unha vez ao día. Suplementa esta alimentación con tres meses de cebo en base a herba seca, penso, palla ou silo.
Compra online
Despois de que a IXP certifica a carne, este gandeiro comercialízaa de forma directa a través da web e da app de ‘Ganadería Lanzán’, onde ofrece unha ampla gama de pezas. González asegura que a súa carne ten unha maduración de 7 días, de xeito que cada semana pon á venda os cortes que enviará á seguinte; con data de entrega do pedido o día despois da súa produción ou nun máximo de 48 horas para manter a cadea de frío.