Rosa Quintana: “A mobilidade de terras é fundamental para o agro galego

Rosa Quintana: “A mobilidade de terras é fundamental para o agro galego e para aumentar a base territorial das explotacións”
(mediorural.xunta.es 27/01/2014) A conselleira do Medio Rural e do Mar asistiu a unha reunión de seguimento do convenio asinado entre a Xunta, a Fundación Juana de Vega e a USC para mellorar o coñecemento da mobilidade de terras agrarias. Estas tres entidades colaboran no desenvolvemento do primeiro observatorio de España na materia.
A mobilidade de terras é fundamental para o agro galego e constitúe un elemento esencial para o redimensionamento das explotacións, na procura de aumentar a súa base territorial. Así o indicou hoxe a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, na súa visita á Fundación Juana de Vega, onde asistiu a unha reunión de seguimento do convenio asinado entre esta entidade, a Xunta e a USC para mellorar o coñecemento da mobilidade de terras agrarias.
Os tres organismos citados están a colaborar no proxecto “Propiedade, mobilidade da terra e valorización territorial”. O obxectivo final desta iniciativa é crear un observatorio que identifique a problemática do mercado da terra en Galicia, así como as súas posibles solucións, para que permita redimensionar as explotacións a través do aumento da súa base territorial. Neste senso –como destacou a conselleira–, o uso da terra agraria é imprescindible para a solvencia do agro galego e débense tomar decisións que se encamiñen a mellorar o entorno económico, social e –sobre todo– legal que permita o aproveitamento deste recurso.
O proxecto –que se desenvolve durante os anos 2013 e 2014– consiste na mellora do Sistema de Terras de Galicia (SITEGAL) para facilitar o seguimento do comportamento de variables en canto á mobilidade de terras en Galicia. Deste xeito, integraríase toda esa información e funcionalidades na plataforma SITEGAL, de tal maneira que se convirta nunha infraestrutura tecnolóxica de referencia sobre mercados e mobilidade de terras en Galicia, cunha utilidade potencial estratéxica para o sector público e o privado.
A conselleira destacou que a creación deste observatorio –que conta cun investimento total de 201.390 euros– é pioneira en Galicia e no resto de España.