A Xunta cambia o período de verificación de cultivos da PAC para favorecer as explotacións

 (mediorural.xunta.gal 01/02/2017)  Esta modificación permitirá aforrar custes ás granxas que utilizan o millo como alimento para o gando ao non ter que reservar o 25% dos seus terreos a outro tipo de plantación, como pasaba ata agora coas de máis de 10 hectáreas
A conselleira Ángeles Vázquez explicou esta mañá en rolda de prensa esta e outras novidades da convocatoria de axudas da Política Agraria Común para 2017-2018, que sae publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG)
A Consellería do Medio Rural vén de introducir unha modificación do período de verificación dos cultivos da PAC para favorecer ás explotacións que teñan o millo como forraxe principal, un cambio de gran importancia para os gandeiros de vacún de leite.
A Xunta consultou esta posibilidade ao Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (Mapama) e o Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) respondeu recentemente autorizando este cambio (sen necesidade de trasladar a consulta á Comisión Europea), que xa teñen feito outras comunidades con características similares, como Asturias.
Así, o FEGA establece que Galicia pode “modificar o período para o control da diversificación de cultivo, en función das súas características agroclimáticas e das prácticas tradicionais da rexión” e admite o cultivo de forraxe herbáceo (coñecido como ray-grass) como fórmula para manter a calidade dos solos.
Polo tanto, o novo período de verificación irá do 15 de xaneiro ao 15 de abril (antes era de abril a xuño). Este cambio permitirá a aquelas explotacións gandeiras que utilizan o millo como alimento para o gando non ter que reservar o 25% dos seus terreos a outro tipo de plantación (herba ou cultivos alternativos), como pasaba ata o de agora coas granxas de máis de 10 hectáreas. Isto suporá un aforro importante nos custos de produción, xa que os seus titulares diminuirán significativamente a dependencia dos insumos externos.
Convocatoria
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vazquez, explicou esta mañá os detalles desta modificación en rolda de prensa, con motivo da publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) da convocatoria de axudas da Política Agraria Común (PAC) para a campaña 2017-2018. Acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, a conselleira celebrou esta boa nova para o agro galego e comprometeuse a seguir traballando para perfilar os novos sistemas de control, que deberán levarse a cabo antes do verán.
Ángeles Vázquez salientou que Galicia “fixo os deberes” ao publicar no DOG esta orde no primeiro día establecido pola normativa (1 de febreiro). Explicou que na publicación regúlanse os pagamentos directos á agricultura e gandería e as axudas ao desenvolvemento rural (zonas con limitacións naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións en terras non agrícolas). Estas achegas suporán un investimento de fondos europeos no rural galego de preto de 190 millóns de euros, que chegarán a máis de 33.000 beneficiarios.
A conselleira indicou que na orde deste ano inclúense, como novidade, as solicitudes da axuda excepcional ao sector lácteo destinadas a compensar unha parte das perdas sufridas polos produtores nas últimas campañas. Estas axudas será aprobadas polo Ministerio para paliar os efectos máis duros da crise do lácteo e, para facilitar a tramitación, os gandeiros poderán solicitalas conxuntamente coa PAC.
A titular de Medio Rural destacou tamén na súa comparecencia que a orde publicada hoxe no DOG segue a ser pioneira no ámbito da redución das cargas burocráticas e no eido da tramitación electrónica, xa que o 100% das solicitudes se tramitarán de forma telemática.
Anticipo da campaña 2016-2017
Ángeles Vázquez referiuse ademais ao anticipo da campaña 2016-2017, para advertir que recentemente o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) abonou uns 102,7 millóns de euros a preto de 26.000 beneficiarios en concepto de adianto dos pagos da PAC. Este anticipo foi un 57% superior ao efectuado no exercicio 2015. A cifra é, ademais, sensiblemente superior á dos últimos anos, xa que en 2013 o anticipo foi de 32,6 millóns de euros, no 2014 de 35,8 millóns e no 2015 de 65,3 millóns de euros.
A conselleira avanzou que o resto de pagos pendentes da campaña 2016-2017 faranse efectivos unha vez que se completen os preceptivos controis sobre o terreo ou administrativos, estando previsto completar o pago nun prazo aproximado de dous meses. En todo caso, cómpre advertir que o período legalmente establecido finaliza o 30 de xuño.
Por último, a modo de resumo, Ángeles Vázquez sinalou que estas axudas da PAC teñen por obxecto contribuír a reducir as diferenzas entre a renda agraria e a urbana, á vez que se trata de potenciar aos agricultores realmente activos e prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente (medidas agroambientais).
Enlace á páxina do DOG coa convocatoria de axudas da PAC:
http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170201/AnuncioG0426-250117-0002_gl.html