Un crecemento do 4% no 2016 consolida a Ternera Gallega como a base do recén constituído consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia

 •A Denominación conta xa con 8.154 gandarías inscritas, nas que se identificaron máis de 126.000 tenreiros
•Certificáronse preto de 94.000 canais, comercializáronse por primeira vez máis de 20.000 toneladas de carne e o volume de negocio en primeira venda superou os 117 millóns de euros
•O novo Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas de Carne de Vacún de Galicia, que integra as IXPs Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia, nace para protexer, dinamizar e xerar valor no sector de vacún de carne galego
A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega pechou o pasado exercicio 2016 cun crecemento positivo practicamente en todas as súas magnitudes. Así o comentou o seu presidente, Jesús González Vázquez, esta mañá en rolda de prensa. Unha cita que serviu tamén para comunicar a constitución do Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia e a toma de posesión dos vogais do seu Pleno.
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asegurou que a nova Denominación de calidade, que pasa a amparar os selos ‘Ternera Gallega’ e ‘Vaca e Boi de Galicia’, constitúe un soporte que permitirá mellorar a transparencia comercial e as garantías que se lles ofrecen aos consumidores en canto á calidade e á orixe do produto, así como contribuír á xeración de riqueza para este sector, fundamental en Galicia, desde a innovación, pero respectando a tradición e o saber facer dos nosos gandeiros.
As cifras de Ternera Gallega en 2016
A peche de 2016,  as principais magnitudes de Ternera Gallega creceron por riba do 4 %. Así o avalan a certificación dun 4,6 % máis de canais, a comercialización dun 4,1 % máis de toneladas de carne baixo o amparo da IXP e o incremento do volume de negocio nun 4,4 %.
A nivel socioeconómico, cómpre sinalar que creceron as gandarías inscritas na IXP un 4 %, acadando as 8.154, debido  á consolidación da denominación no sector e ao cambio de orientación produtiva leite-carne. Ademais, o número de industrias e comerciais inscritas superou na actualidade a centena, concretamente 102.
O número de tenreiros identificados por Ternera Gallega foi de 126.251 cabezas, o que supón un incremento do 4,1 % con respecto ao ano anterior, centrado sobre todo nas explotacións tradicionais con vacas nais. En canto ao número de canais certificadas, o aumento foi considerable, un 4,6 %, acadando as 93.835. E no que respecta ao volume de carne comercializada baixo o selo Ternera Gallega, tamén aumentou notablemente, un 4,1 %, superándose por primeira vez as 20.000 toneladas, concretamente 20.687, ou sexa 805 toneladas máis que no 2015.
Na actualidade, na IXP están inscritas e activas 102 industrias e comerciais cárnicas, as máis significativas das que existen en Galicia para a carne de vacún, na categoría ternera. O volume de negocio en primeira venda, tendo en conta as transaccións comerciais realizadas entre a industria e a distribución,  foi de 117 millóns de euros, o que supuxo un crecemento do 4,4 % respecto do ano anterior. Ademais, no 2016 os prezos en orixe no conxunto do ano estiveron equilibrados con respecto ao 2015, e desde o sendo semestre manteñen unha certa recuperación.
Desde o punto de vista da distribución territorial, Lugo segue a ser, mantendo a tendencia histórica, a provincia de maior importancia na IXP, concentrando o 75 %  das explotacións gandeiras inscritas, máis do  60 %  dos tenreiros rexistrados e máis do 44 %  da actividade industrial cárnica de vacún.
No referente ao programa de control que realizan os inspectores e persoal do órgano de control e certificación do Consello Regulador, no ano 2016 efectuáronse 23.608 inspeccións, tomáronse 2.515 mostras e fixéronse 3.081 análises de substancias, así como 2.278 probas de ADN. O control é a principal actividade do Consello Regulador, que está acreditado por ENAC como organismo de certificación.
A nivel estatal, a IXP Ternera Gallega certifica arredor do 56 % da carne que se comercializa con Denominación de calidade, e segundo proban varias enquisas, é a carne máis coñecida e valorada polos consumidores. A nivel europeo está aceptada como a Denominación de calidade de referencia no sector cárnico. O seu consumo repártese entre Galicia (43,5 %), o resto de España (54 %) e a exportación (2,5 %), que vai aumentando grazas ao Plan de internacionalización posto en marcha pola IXP.
‘IXP Vaca e Boi de Galicia’, un selo que pon en valor a carne do vacún maior galego
A finalidade deste novo selo de calidade, cuxo Regulamento e constitución do seu Consello Regulador provisorio foron publicados no Diario Oficial de Galicia o pasado 30 de xuño, é protexer, preservar e poñer en valor a carne fresca de calidade procedente das vacas e bois que se producen en Galicia, baixo a Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi de Galicia. Esta carne procederá das principais razas existentes na nosa comunidade, como son a Rubia Galega, Morenas Galegas (Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa), Asturiana dos Vales, Limusina, Rubia de Aquitania, Frisona e Pardo Alpina. Esta carne deberá presentarse refrixerada para cumprir as normas da IXP, sen que poida ser conxelada ao longo do proceso de obtención e comercialización. A vaca caracterizarase por ser unha femia que tivese polo menos unha xestación antes do sacrificio. O boi debe ser un macho castrado antes do ano de vida e que supere os 48 meses de idade ao sacrificio.
A IXP abarca a totalidade do territorio galego. Os animais deben nacer, criarse, engordarse, sacrificarse e despezarse en Galicia, co obxectivo de preservar a especificidade e controlar as condicións de obtención do produto. Cada fase produtiva e tipoloxía animal comercializarase cunha etiquetaxe específica que favorecerá a súa identificación no mercado.
A posta en marcha deste novo indicativo de calidade para o sector de vacún de carne de Galicia, sumada ao selo Ternera Gallega, permitirán mellorar a transparencia comercial e as garantías que se lles ofrecen aos consumidores en canto á calidade e á orixe do produto, como factores de innovación que a súa vez respectan a tradición. A medio prazo está previsto que se acollan á nova IXP Vaca e Boi de Galicia preto de 10.000 explotacións gandeiras, se certifiquen anualmente cerca de 30.000 canais e se comercialicen arredor de 10.000 toneladas de carne de vaca e de boi de calidade.
Composición do Consello Regulador
Co fin de realizar a xestión e dirixir as IXPs ´Ternera Gallega´ e ´Vaca e Boi de Galicia´, baixo criterios de coordinación, operatividade sectorial e aforro de custos, créase o Consello Regulador das Indicacións Xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia. Así mesmo, este novo Consello Regulador substitúe e subrógase nos dereitos e obrigas que lle correspondían ao antigo consello regulador da IXP Ternera Gallega.
O Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia, vai estar constituído polo seu presidente e por oito vogais polo sector produtor e oito vogais polo sector industrial, con carácter provisorio, ata que se celebren eleccións na forma determinada pola normativa vixente. Os seus membros son os seguintes:
Presidente:     Jesús González Vázquez
Vogais polo sector produtor:
-Reisanto, S.C. (vicepresidencia polo sector produtor)
-Hermanos González Rodríguez, S.C.
-Refol, S.C.
-Manuel Fernández Gallego
-Coop. Agrogandeira de Sarreaus, S.C.G.
-Finca Idreira, S.L.
-Las Traviesas, S.L.
-Feiraco, S.C.G.

Vogais polo sector industrial:
-Industrias Cárnicas J. Taboada, S.A. (vicepresidencia polo sector industrial)
-Novafrigsa, S.A.
-Carniceros de La Coruña, S.A.
-Frigoríficos del Lea, S.L.
-Artesanos Gallegos de la Carne, S.L.
-Suministros Medina, S.L.
-Vego Supermercados, S.A.U.
-Frigoríficos Bandeira, S.L