Ternera Gallega acompaña a Mel de Galicia na súa “Merenda Literaria”

A IXP Mel de Galicia fusionou gastronomía e literatura na presentación, o pasado venres, da novela histórica Fierro, de Francisco Narla. Un libro que propón unha viaxe pola apicultura da época medieval e que serviu de fío condutor para este evento, no que tamén participaron outros produtos galegos con selo de calidade diferenciada. Todos eles combinaron á perfección co mel nun menú con diferentes propostas culinarias; no que Ternera Gallega se presentou lacada con Mel de Galicia e acompañada de eiruga. 

Co obxectivo de amosar as diferentes variedades e a versatilidade do Mel de Galicia, tamén se degustou unha infusión ecolóxica aromatizada con este produto, xunto cunha Tosta de Pan de Cea con queixo O Cebreiro, Castaña de Galicia e mel e unha Charlota, tamén de Castaña, con recheo de bavarois e mel galego.

Esta merenda literaria celebrouse na Casa do Taberneiro, en Santiago de Compostela, ante un reducido número de asistentes debido ás restricións vixentes; que tamén ocasionaron que a parte gastronómica se presentase en formato take away para que os participantes degustasen nos seus fogares este menú de posta en valor do Mel de Galicia.