Galicia contará con case 10 millóns de euros para os PDR

Os Programas galegos de Desenvolvemento Rural recibirán nas próximas semanas 9,8 millóns de euros, tal e como aprobou a Conferencia Sectorial de Agricultura para o reparto destes fondos entre as diferentes autonomías. Con esta cantidade, Galicia vai percibir máis do 9 % do orzamento nacional e sitúase como a cuarta comunidade á que se destinan máis fondos, por detrás de Andalucía, Castela e León e Castela-A Mancha.

Os PDR recollen medidas encamiñadas a mellorar a competitividade do sector agroalimentario, asegurar unha xestión sostible dos recursos naturais e lograr un desenvolvemento territorial equilibrado nas zonas rurais. Estas medidas fináncianse cos fondos FEADER e coas achegas das comunidades autónomas e da Administración Xeral do Estado. 

Por outra banda, a Conferencia sectorial tamén decidiu o reparto de fondos comunitarios destinados ao Programa Escolar de Consumo de Froitas e Hortalizas, con case 700.000 euros para Galicia, e ao Programa de Leite do vindeiro curso, no que á nosa comunidade lle corresponde medio millón de euros.