A Carqueixa, cooperativa de gandeiros inscritos na IXP, abre carnicería en Lugo

A praza de abastos de Lugo conta cun novo punto de venda de carne certificada de Ternera Gallega. Aos dous postos que xa tiñan acordo de colaboración coa IXP, súmase agora a carnicería de A Carqueixa que, baixo o nome do Sabor dos Ancares, dá o salto da comercialización online a un establecemento físico de venda directa ao consumidor. 

Esta cooperativa conta con máis de 200 socios da zona de Os Ancares, gandeiros inscritos na IXP, que producen carne da categoría Ternera Gallega Suprema. Os seus animais non superan os 10 meses e reciben unha alimentación baseada na lactancia materna, que manteñen como mínimo ata os 7 meses; cuestión que comproban os vedores do Consello Regulador dentro do sistema de control da IXP. 

A actividade de A Carqueixa abrangue desde as explotacións ata a venda ao consumidor final. Ademais de contar cos produtores inscritos en Ternera Gallega, a cooperativa está dada de alta no rexistro de grosistas e retallistas da IXP e mantén acordo de colaboración como punto de venda, tanto online como físico. Ata agora comercializaban a carne certificada desde a web www.osabordosancares.com, onde manteñen a tenda online. 

Polo seu traballo, que contribúe ao futuro económico e social do campo galego, a cooperativa foi recoñecida recentemente nos Premios de Desenvolvemento Rural que outorga a Xunta.