Ternera Gallega e Vaca Galega, en Meat Attraction con Carnimad

As carnes certificadas visitan por primeira vez Meat Attraction, que está a celebrar a súa cuarta edición entre este martes e mañá xoves en Madrid. As pezas de Ternera Gallega e de Vaca Galega exhíbense en colaboración con Carnimad nun novo espazo da feira, The Butcher´s Shop, que se inaugura este ano como unha zona exclusiva para a carne e os seus derivados, co obxectivo de poñer en valor o oficio da carnicería. 

Neste stand inédito, as IXP expoñen todas as pezas dunha media canal de Ternera Gallega Suprema,  tanto as máis tradicionais como as singulares ou menos coñecidas, ademais doutras de Ternera Gallega e diferentes cortes de Vaca Galega, para amosar aos profesionais do sector a calidade e a versatilidade do produto certificado. Os asistentes tamén tiveron á súa disposición material informativo sobre o produto, as súas características e as comerciais inscritas.

Todas as pezas expostas foron elaboradas polos alumnos de Educarne, Centro de Formación, Innovación e Desenvolvemento do sector cárnico, vinculado a Carnimad, asociación que engloba a máis de 1.300 profesionais do comercio especializado da carne. Como apoio á súa formación, os estudantes traballaron directamente coas carnes certificadas de Ternera Gallega e Vaca Galega despezando e preparando os seus distintos cortes.

Diferentes actividades 

Ademais da zona de exhibición da carne, The Butcher´s Shop conta cun espazo para actividades,  que acolle diversos eventos durante toda a feira. A xornada de onte comezaba cun concurso de novos carniceiros, que realizaron un despece de cordeiro, para seguir cun man a man entre o considerado mellor carniceiro de Lationamérica, Renzo Garibaldi, e o chef Íñigo Urrechu. Por último, celebrouse o III Encontro de Mulleres do Sector Cárnico, unha mesa redonda na que tres emprendedoras contaron as súas experiencias nun ámbito maiormente masculino. Actividades que continúan hoxe co Concurso da Mellor Hamburguesa Artesá e a entrega de premios á Dixitalización no Comercio da Carne.

Unha feira consolidada

Con só catro edicións, Meat Attraction converteuse nunha cita de referencia para o sector cárnico do sur de Europa. Este ano conta con máis de 150 expositores e espera alcanzar os 9.000 visitantes

Organizada por Ifema e Anice, a feira reúne as mellores carnes do mundo, expón as últimas innovacións do sector e ten como países convidados a Xapón e Canadá, cun amplo programa de reunións para potenciar os contactos comerciais das empresas participantes. Todas as organizacións interprofesionais da cadea gandeiro-cárnica, Interporc, Provacunno, Interovic, Intercun, Asici, Avianza, Aanfric e Agemcex, respaldan Meat Attraction.