As carnes de Ternera Gallega e de Vaca Galega/Boi Galego exhiben a súa calidade en Alimentaria

A IXP Ternera Gallega e a IXP Vaca Galega/Boi Galego regresaron esta semana a Alimentaria, a feira de alimentación e bebidas máis destacada de España e referente a nivel internacional, onde desenvolveron diversas accións promocionais e demostracións culinarias, dirixidas tanto aos profesionais cárnicos como aos consumidores, para expoñer a calidade e as posibilidades gastronómicas da carne certificada. Unha cita especial xa que a última edición de Alimentaria, de carácter bienal, foi no 2018 e agora volve a Barcelona despois do parón ocasionado pola pandemia. 

Como coexpositor dentro do stand da AGACAL, no pavillón de Intercarn, o Consello Regulador de ambas IXP ofreceu 3 showcookings en sesión matinal o luns, o martes e o mércores, aos que asistiron máis de medio centenar de persoas entre profesionais do sector, consumidores, medios de comunicación e blogueiros gastronómicos. Tres demostracións sobre a versatilidade das carnes de Vaca Galega, Boi Galego e Ternera Gallega, con especial atención ás cualidades excepcionais da categoría Suprema, nas que resaltou a calidade, a moleza e o sabor das pezas singulares ou menos coñecidas. Tamén se puxo en valor o papel das ganderías inscritas para manter a sostibilidade social, económica e medioambiental do medio rural e para fixar poboación nel. 

Ademais, na xornada do luns pola tarde, a IXP Ternera Gallega mantivo un encontro directo con profesionais do sector cárnico catalán, concretamente carnicerías tradicionais, para afianzar os lazos cos puntos de venda que xa contan con acordo de colaboración para comercializar o produto amparado.

Paralelamente, durante os catro días de duración da feira, o Consello Regulador atendeu as necesidades informativas e comerciais dos visitantes que se achegaron ao stand, procedentes de diversos puntos de España e doutros países como Italia, Reino Unido, Francia, República Checa ou Polonia, entre outros. Recibiron material promocional e divulgativo sobre as carnes de vacún de calidade de Galicia, a forma de crianza dos animais inscritos, a súa alimentación e benestar animal, e sobre o sistema de control e trazabilidade que aplican as dúas IXP en todas as fases da cadea. 

Unha feira de referencia

Acudir a un evento de relevancia internacional e perfil profesional como Alimentaria incrementa as oportunidades de negocio, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras, das industrias inscritas en Ternera Gallega e en Vaca Galega / Boi Galego, ao presentar a carne amparada a un visitante moi cualificado, con poder de prescrición e compra. 

O pavillón Intercarn destacou este ano como o maior espazo de toda a feira, con máis de 14.000 m², onde se situaron as principais empresas cárnicas españolas e amosaron a potencia dun sector que supón o 2,3 % do PIB nacional. A nivel xeral, Alimentaria acolleu nesta edición a 3.000 empresas expositoras de 52 países co obxectivo de alcanzar os 100.000 asistentes.