Os integrantes dun innovador proxecto cárnico de Chile visitan a IXP Ternera Gallega

O grupo de traballo do proxecto “Ternera Magallánica”, coordinado polo técnico do Instituto de Investigacións Agropecuarias de Chile, Raúl Lira, (INIA Kampenaike, con sede en Punta Arenas, na rexión patagónica de Magallanes e da Antártica chilena) viaxou esta semana a Galicia para coñecer o sistema de produción da IXP e o seu protocolo de control e trazabilidade. Este proxecto busca unha integración innovadora entre gandeiros e comerciais desta rexión chilena para a venda de carne de alta calidade baixo a marca Ternera Magallánica.

Da man de técnicos do Consello Regulador, o grupo visitou ganderías rexistradas na IXP Ternera Gallega e na IXP Vaca Galega / Boi Galego para coñecer a súa forma de produción, os tipos de animais que crían, a súa alimentación e o labor de control do Consello Regulador nesta fase da cadea. Tamén se achegaron a unha comercial inscrita para comprobar como este sistema de control continúa na certificación e etiquetaxe dos canais. E, en varios puntos de venda con acordo de colaboración con Ternera Gallega, observaron a implantación da imaxe corporativa e o traballo de inspección para a correcta identificación da carne certificada ante os consumidores. 

Os sete representantes deste proxecto tamén visitaron o Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, onde viron exemplares das diferentes razas autóctonas admitidas en Ternera Gallega. Ademais, no Centro Tecnolóxico da Carne, coñeceron as investigacións realizadas en colaboración coa IXP e visitaron a súa planta piloto dunha sala de despezamento. En conxunto, o grupo puido obter unha visión global do traballo da Indicación Xeográfica Protexida e do significado deste selo de calidade diferenciada.

Un modelo de traballo inédito

O proxecto “Ternera Magallánica” ten por obxectivo producir unha carne premium, froito da alianza entre gandeiros e empresas desta rexión do sur de Chile, a máis próxima á Antártida. A idea é desenvolver un protocolo de produción e un modelo de negocio que asegure a distinción desta carne, homoxeneizando o sistema e establecendo estándares de calidade. 

Segundo indica o centro rexional do INIA, vinculado ao Ministerio de Agricultura chileno, Magallanes ten un rabaño vacún con alto potencial xenético. Na actualidade, os gandeiros venden os animais ao centro-sur do país para a súa recría e engorde. Este novo proxecto busca, en cambio, que os animais queden na zona de produción para completar a súa comercialización desde alí.