A IXP apoiou un ano máis a Shopping Night de Ourense

Regresou as rúas ourensás a Shopping Night, unha das citas comerciais e promocionais máis destacadas da cidade, na que Ternera Gallega colaborou, como habitualmente, cun stand de degustación da carne certificada. Nesta noite de compras, os establecementos abriron desde as oito da tarde ata as doce, ofrecendo diversas actividades e entretemento, co obxectivo de fomentar o comercio local.

Xunto á IXP Pan de Cea, Ternera Gallega ofreceu unha degustación para todos os que quixeron achegarse ao posto na rúa Doutor Marañón, onde tamén tiveron á súa disposición receitarios da IXP, con información sobre a carne amparada, as súas categorías comerciais, as diferentes pezas do vacún e unha selección de propostas gastronómicas moi variada. 

Organizada polo Centro Comercial Aberto Ourense Centro, na Shooping Night participaron máis de 60 empresas en 18 rúas da cidade. Ademais das degustacións, completouse con pasacalles, desfiles de moda, actuacións de escolas de baile, recitais poéticos e música tradicional. Rematou con gran ambiente e un balance positivo desde a organización, ao supoñer un evento dinamizador para o comercio da zona.