Ternera Gallega viaxou coa Volta ciclista a varias localidades 

A Indicación Xeográfica Protexida participou un ano máis na Volta ciclista a España. Como xa leva facendo durante a última década, Ternera Gallega ofreceu degustacións do produto certificado en cada unha das 21 etapas da carreira, desde o 19 de agosto que comezou ata este pasado domingo. Accións de promoción e divulgación da calidade da carne amparada que se desenvolveron no stand da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo.

Coa colaboración de ACRUGA, a categoría comercial protagonista destas degustacións foi Suprema – Carne de Rubia Gallega. A través de diferentes preparacións e pezas, como a febra miúda, o xarrete ou a croca, púxose en valor a versatilidade e a alta calidade do produto. Outros alimentos destacados da provincia lucense tamén participaron nestas demostracións culinarias.

Ao stand achegáronse diferentes personalidades dos ámbitos da política, do deporte ou do xornalismo; como o ministro do Interior, Grande Marlaska, os ciclistas Alberto Contador ou Óscar Freire; tamén Irene Villa, Juanito Oiarzabal ou Carlos Herrera, entre outros. 

Coa práctica do deporte

Na súa liña de apoio ao deporte xunto cunha alimentación equilibrada, e coma en anos anteriores, a IXP tamén colaborou esta fin de semana coa proba de natación Triple Corona Illas Atlánticas, que cubriu unha distancia de 15 km entre as Cíes e Baiona. Coa participación de 160 nadadores, iniciouse a terceira edición desta proba, unha das máis esixentes de España, que se celebrará ata o 2024 cun percorrido total de 57 km.