Os censos das eleccións ao Consello Regulador pódense consultar desde hoxe

Tal e como indica a orde da Consellería do Medio Rural para a renovación dos órganos de goberno das IXP e DOP, desde este venres día 2 ata o mércores 14 de decembro, os censos electorais estarán expostos na sede do Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, en Santiago; ademais de na sede da Agacal (Axencia Galega da Calidade Alimentaria), nas xefaturas territoriais da Consellería e nas oficinas agrarias comarcais.

Inclúense nos censos aqueles inscritos en Ternera Gallega ou en Vaca Galega-Boi Galego con anterioridade á publicación da orde no DOG, é dicir, antes do 10 de novembro; que estean ao día na pago das cotas correspondentes e con actividade nos dous últimos anos. 

No sector produtor, o Censo A1 está constituído polos 7.605 titulares de explotacións inscritas no rexistro de Ganderías e o Censo A2, polos 379 titulares de Cebadeiros. O Censo B fórmano as industrias inscritas no rexistro de Matadoiros, con dous subcensos: o B1, para os matadoiros de ata 2.000 canais certificados (16 industrias) e o B2, para os que superen esa cifra (6). Os 21 inscritos no rexistro de Salas de Despezamento constitúen o Censo D e o rexistro de Grosistas e Retallistas, con 62 inscritos, forma o Censo E.

Calendario electoral

Durante o período de exposición dos censos (2-14 de decembro), os interesados poderán realizar reclamacións ante o Consello Regulador, que deberá resolvelas con data límite o día 21. Contra estas resolucións, os interesados poden formular recurso ata o 26 de decembro ante a Xunta Electoral, que resolverá o 3 de xaneiro como tarde. Con todas as reclamacións resoltas, os censos definitivos exporanse o 5 de xaneiro.

Vogais por rexistros

Tralo proceso electoral, o Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia quedará conformado, como ata agora, por 8 representantes da produción e outros 8 do sector industrial. As ganderías terán 5 vogais e os cebadeiros, 3. Os matadoiros con ata 2.000 canais certificados contarán con 1 representante e os de máis de 2.000 canais, con 3. Os inscritos como salas de despezamento ou como grosistas e retallistas estarán representados por 2 vogais cada grupo.