A Estratexia do sector cárnico busca mellorar a competitividade

Como xa ocorrera co lácteo e o vitivinícola, a Xunta presentou este luns a Estratexia de dinamización do sector cárnico 2022-2030, que describe o camiño a seguir neste eido produtivo para fomentar a sostibilidade no rural, a calidade da carne galega, a competitividade industrial e un mellor posicionamento nos mercados nacional e internacional. 

Elaborada coas achegas dos diferentes actores de sector cárnico galego, entre eles o Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia, esta nova estratexia recolle máis de 60 medidas e 170 accións a desenvolver nos próximos oito anos. No acto de presentación, no Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o obxectivo de lograr un sector máis organizado e profesionalizado, cunha cadea de valor transparente e equilibrada e cunha marcada aposta pola sostibilidade

O vacún de carne de calidade

Esta nova Estratexia destaca a relevancia da carne de vacún con selo de calidade: a amparada por Vaca Galega-Boi Galego e, en especial, a certificada por Ternera Gallega, como IXP referente a nivel nacional, tal e como indica o documento. Un dos principais obxectivos deste plan pasa por adaptar a produción cárnica ás demandas do mercado, incidindo na necesidade dunha axeitada programación dos partos e da mellora dos procesos produtivos para un adecuado aproveitamento da demanda e das oportunidades comerciais nos diferentes mercados de destino. 

O texto tamén promove unha maior diferenciación de Ternera Gallega Suprema, situándoa no sector das carnes Premium. E propón que se estuden dúas cuestións: unha nova categoría dentro de Suprema para os becerros de 8 meses cunha ceba obrigatoria de finalización de dous meses. Cuestión, esta última, que xa se recolle como recomendación no Regulamento da IXP.

Ademais, suxire unha maior distinción no mercado da carne de Suprema e de Rubia Galega, tanto en Ternera Gallega como en Vaca Galega-Boi Galego. E potenciar a integración dun maior número de animais da cabana gandeira en ambas IXPs, así como o asociacionismo no sector. Incide na etiquetaxe e na diferenciación nos establecementos de venda.

Por outra banda, a Estratexia do Sector Cárnico busca máis peso das IXPs cárnicas na transformación industrial. No caso de Ternera Gallega, propón valorar que se permita o despezamento en industrias inscritas fóra de Galicia e a conxelación de carne con destino aos mercados internacionais. Tamén indica que as industrias deben incentivar e aumentar a porcentaxe de produtos que saen ao mercado co selo da IXP, apostando polos “elaborados con carne da IXP Ternera Gallega” e incluso polos “elaborados con carne da IXP Vaca Galega-Boi Galego”. Como metas inmediatas, incentivar a comercialización fóra de Galicia e a exportación.

En canto á transparencia nos elos da cadea, a Estratexia apunta a crear unha plataforma de intercambio de datos con información sobre custos e marxes económicos, cunha sección específica para os operadores que apostan pola calidade no marco da cadea de valor de Ternera Gallega. No seu horizonte tamén está a potenciación e fomento da colaboración entre os diferentes elos da cadea: gandeiros – industrias – distribución, ata o consumidor final. 

Tamén contempla iniciativas no eido do benestar animal, da sostibilidade medio ambiental e do mantemento e potenciación do medio rural galego coa movilización de terras agrarias.