Profesionais cárnicos de Alemaña e Luxemburgo visitan a IXP Ternera Gallega

O Consello Regulador retomou as misións comerciais inversas, habituais no plan de promoción internacional de Ternera Gallega, trala paréntese que provocou a pandemia. Durante 3 días, un grupo de profesionais do sector cárnico alemán e luxemburgués achegouse a coñecer a calidade da carne amparada pola IXP e o seu programa de control e trazabilidade, desde que os animais se inscriben ata que o produto chega aos puntos de venda. 

Como primeira parada, os participantes nesta misión comercial inversa visitaron unha das ganderías inscritas na Indicación Xeográfica Protexida. Alí, viron de preto o traballo dos produtores e o sistema de manexo dos animais, xunto co labor de control dos inspectores do Consello Regulador en canto á comprobación da orixe dos tenreiros, as súas razas e alimentación e o seu benestar animal. Tamén recibiron información sobre as características produtivas que distinguen a carne de Ternera Gallega Suprema: a alimentación con leite materno como mínimo ata os 7 meses e a idade máxima de 10 meses.

A continuación, o grupo visitou unha das industrias inscritas, onde se lles amosou o seguimento de trazabilidade da carne amparada. Os vedores do Consello explicaron o seu traballo para o correcto certificado dos canais e a etiquetaxe da carne que chega aos puntos de venda. 

Maiores oportunidades de comercialización

A formación práctica sobre a carne certificada, as súas diferentes pezas e o seu cociñado tamén foi un dos puntos clave desta visita. Os participantes recibiron unha masterclass de cortes alternativos, para amosarlles os menos habituais, máis aló do lombo e o solombo, co obxectivo de promover un aproveitamento integral de todo o canal e desbotar a idea de pezas de primeira ou segunda categoría. O chef José Manuel Mallón explicoulles técnicas e consellos para o tratamento destes cortes singulares, como a tapa da pa ou a bavette, entre outros; para sacarlles o máximo partido culinario.

Estas accións promocionais permiten achegar a un público profesional e internacional as características que definen a calidade da IXP Ternera Gallega, coa meta de promover a comercialización da carne certificada fóra das nosas fronteiras e de xerar novas oportunidades de negocio que favorezan a rendibilidade do sector de vacún de calidade galego.