Dúas demostracións gastronómicas diarias en GandAgro

Un ano  máis, o Consello Regulador participou na IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, GandAgro, celebrada en Silleda entre o xoves e o sábado. Da man da Consellería do Medio Rural, ofreceu seis showcookings de Ternera Gallega Suprema, dous cada xornada, pola mañá e pola tarde. A carne certificada formou parte do programa de actividades da Aula de Experiencias de Calidade, xunto con outros alimentos galegos con selo IXP ou DOP.

Ademais de explicar o sistema produtivo e o programa de control da Indicación Xeográfica Protexida, estas demostracións culinarias permitiron achegar ao público asistente a calidade da carne amparada baixo a categoría Ternera Gallega Suprema e incidir na súa etiquetaxe de cor rosa para poder recoñecela no mercado. 

Os chefs José Manuel Mallón (Espazo Remollo, Ames) e Criselda Iglesias (Taparía Lecer, Cangas) presentaron diferentes pezas. Algunhas coñecidas, como o lombo baixo ou a croca, e outras menos habituais nas nosas cociñas como o corte redondo. As súas receitas percorreron diferentes estilos gastronómicos, desde o tradicional roast beef ou o xarrete guisado ata pratos con pouco cociñado como o tataky. Tamén prepararon varios cortes á prancha para amosar a moleza da carne certificada, ofrecendo os mellores consellos e técnicas para sacarlle o máximo partido.

Nesta edición, GandAgro contou coa presencia de 424 firmas expositoras de 26 países, procedentes de España, Alemaña, Francia, Italia ou Portugal. Supón un punto de encontro para o sector primario co obxectivo de promover a actividade comercial e xerar negocio, presentando as últimas novidades en maquinaria para o campo e as ganderías.