As cotas de marcaxe da IXP Vaca Galega-Boi Galego iguálanse ás de Ternera Gallega
Desde o 8 de maio, o custo unitario da marcaxe na IXP Vaca Galega-Boi Galego será de 7 euros por cada animal; equiparándose así ao de Ternera Gallega. Con esta modificación, o Consello Regulador busca facilitar estes trámites ás ganderías de vacún maior e promover que as explotacións con menos cabezas decidan inscribirse na Indicación Xeográfica Protexida.
Ata agora, as cotas de rexistro das vacas e dos bois fixábanse segundo o censo da explotación, por tramos de dez animais, e cubrían a inscrición por cinco anos. No caso dos cebadeiros, mantense a mesma cota de, tamén, 7 euros por animal.
Condicións para inscribirse na IXP
Para a marcaxe do vacún maior, os produtores deben deixar aviso no Consello Regulador do xeito habitual e, como mínimo, 6 meses antes do sacrificio. As vacas deberán ter polo menos unha xestación e os bois, estar castrados antes do ano e superar os 48 meses cando se sacrifiquen. A IXP admite as razas autóctonas: principalmente, a Rubia Gallega, e as Morenas Gallegas. Tamén se inclúen outras razas asentadas desde hai décadas na comunidade, coma a Asturiana de los Valles, a Limousin, a Rubia de Aquitania, a Frisoa e a Pardo Alpina; tanto en pureza como cruzadas entre si.
A alimentación dos animais rexistrados baséase no aproveitamento dos recursos das ganderías, mediante o pastoreo, o consumo de forraxes (un 80% debe proceder de Galicia), tanto frescos como conservados. A ración alimentaria pode completarse con fariñas de cereais e pensos de orixe vexetal aprobados previamente polo Consello Regulador.
Vaca Galega-Boi Galego naceu no ano 2017 para protexer e amparar o sector e ofrecer un produto de alta relevancia como é o vacún maior que se produce en Galicia, garantindo a súa orixe e calidade, igual que se vén facendo desde hai máis de 30 anos na IXP Ternera Gallega.